Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA AO COORDINADOR XERAL DE "TERRA GALEGA"

Xoán Gato: "Galiza está na UVI e precisa tratamento de choque"

Presentárase o partido hai xa uns meses, pero non foi ata a pasada fin de semana cando Terra Galega celebrou o congreso co que nace oficialmente e do que Xoán Gato saiu como coordenador xeral. Con Gato, actual alcalde de Narón á fronte dun grupo independente, falamos dos proxectos e o futuro da formación. Cóntanos que a proposta do novo partido é unha "cuarta vía necesaria" definida como "nacionalismo de centro" para ocupar un espazo ata agora aproveitado polos partidos "de orixe estatal" que na súa opinión contribuíron a "debilitar" a capacidade de decisión e xestión de Galiza. Insiste en que a clave da proposta de Terra Galega é o redeseño, partindo desde os concellos, das estratexias para o crecemento económico do país.

Roberto Noguerol - 10:34 25/05/2006
Tags:

Con que proxecto nace Terra Galega?
Un grupo importante de xente coincidimos en entender que hai un espazo que non está cuberto no escenario político de Galiza. Noutras comunidades históricas, caso de Cataluña e Euscadi, existe unha situación moi diferente á que temos aquí: Galiza non é un país politicamente normalizado. Temos uns partidos importantes de orixe estatal e un partido nacionalista, o BNG, cun eixo principal, a UPG, de natureza marxista. Está claro entón que hai un espazo de centro político sen ocupar. En Galiza non existe un referente necesario onde estaría representado un amplo abano da nosa sociedade. E Terra Galega chega para cubrir ese oco e normalizar politicamente o noso país.

Vostede destaca a percepción dunha demanda social sobre a necesidade deste tipo de partido?
Isto vén de vello. Eu son alcalde dun concello que se distingue polo seu desenvolvemento económico nun contorno economicamente deprimido. Nós creamos emprego e amosamos un dinamismo que nos levou a un lugar preferente. En moitas senón en todas as xuntanzas de traballo que temos con empresarios e emprendedores, téñennos posto de manifesto que se bota de menos unha referencia política clara en defensa dos que moven a economía e crean traballo, o que á fin é a base do desenvolvemento dunha sociedade, e expóñennos que se bota en falta unha referencia para a que Galiza sexa a prioridade . E unha vez nos decidimos a dar o paso estamos obtendo unha boa resposta.

Xa que logo, a constatación do apoio do empresariado é clave para a decisión de fundar o partido?
Máis ca iso, digamos que a creación de Terra Galega vén dada por unha visión da situación económica do país máis que por un sentimento. E non só os emprendedores coinciden potencialmente coa nosa visión, tamén desde os propios sindicatos. Pensemos que se miramos as enquisas sobre as principais preocupacións dos galegos, vemos que o emprego e a situación económica aparecen na cima. Galiza é unha das comunidades con menor taxa de crecemento económico, o défice comercial supera os seis mil millóns de euros, os salarios son os máis baixos, as pensións moito máis pequenas ca no resto do Estado, perdemos poboación... E a fenda co resto segue aumentando, iso é o máis grave, medramos por baixo da media.

E Terra Galega propón...
Xerar riqueza. Iso é fundamental para atender ás preocupacións principais dos cidadáns, e para iso necesitamos que Galiza xestione os seus propios recursos. Pensemos por exemplo no leite: co 35% do total producido en Galiza pero pola contra só o 6% do negocio facturado aquí, ou nos montes, cun tercio da superficie improdutiva. Hai que corrixir as dinámicas que houbo até agora, perdeuse moito tempo e os fondos europeos dos que se dispuxo non foron aproveitados estratexicamente.

Galiza é débil politicamente. Cos galegos ninguén conta nin a nivel do Estado nin a nivel da Unión Europea. A nosa representación está diluída en PP e PSOE. A nosa potencial forza en Madrid está en segundo plano e no fondo priman intereses políticos e os deputados de PP e PSOE nunca rachan a disciplina de voto aínda que estean castigando a Galiza. Iso mantén a nosa incapacidade para xestionar os nosos propios recursos.

Polo que dicía albíscanse claros referentes externos onde Terra Galega se miraría... PNV, CiU...?
Efectivamente, eses son países normalizados. Alí os cidadáns teñen todas as opcións e o menú político ofrécelles todas as posibilidades no espectro ideolóxico. Aquí pola contra falta unha parte importante. Insisto: hai que crear as mellores condicións para que o sector que move a sociedade, o dos emprendedores, teña todas as oportunidades. A situación é insólita: como pode ser que nos atopemos en áreas clave onde por exemplo hai un défice de solo industrial? Onde estivo a planificación durante todo este tempo? Resumindo: eu opino que Galiza está social e politicamente na UVI e que é necesario un tratamento de choque para reactivala. Nós contribuíremos nisto.

Entendo da súa idea que o saco onde rabuñar votos estaría máis se cadra no electorado potencial de PPdeG e PSdeG que no do BNG, ou non?
Sí, é o abano do centro. Un espazo electoral amplísimo que necesariamente precisa dunha opción política que até o de agora non existía. A ese sector cidadán queremos enviarlle unha mensaxe baseada nuns eixos clave: apoiar prioritariamente as ideas, o emprendemento, crear as condicións fiscais axeitadas para eles, promover as infraestruturas básicas e garantirlles solo industrial.

O municipalismo é un condicionante importante na conformación do ideario do partido?
Claro. Se cadra era máis doado elaborar candidaturas para o Parlamento, de xeito que se escollen uns nomes por provincia e lánzase o proxecto. Nós pola contra, partimos dun desafío máis difícil: queremos ir concello a concello, estendendo a nosa iniciativa. O obxetivo cara ás próximas municipais é estarmos na metade dos concellos galegos. Cara a aí partimos dunha representación actual de entre 60 e 70 concelleiros. A meta é levar á vida municipal galega a idea de que pode haber unha nova luz, un cambio de actitude nas estratexias políticas. Nesa tarefa, evidentemente, o noso modelo de referencia é o propio concello de Narón, onde penso que se combinou bastante exitosamente o crecemento económico co establecemento de estándares elevados de calidade de vida. A nosa experiencia como motor da nosa área é un modelo a exportar.

En que medida lle dá iso unha perspectiva máis pragmática sobre determinadas claves políticas?
Todas as comarcas teñen fortalezas e debilidades e hai que definilas e traballar en función diso. Se ese obxetivo de traballo resulta, partindo desde abaixo, o proxecto de Terra Galega que agora comeza será máis firme. Nas campañas electorais vimos observando unha serie de discursos que se repiten, din sempre o mesmo e á hora de vermos os resultados topámonos coa outra realidade. A nosa proposta tén un referente concreto na milagre económica do norte que é Narón, e que podemos transmitirlle ao resto de Galiza.

Metas concretas na cita das urnas...?
Nas nosas contas está a posibilidade de conseguir un deputado no partido xudicial de Ferrol. Iso é posíbel, mirando as cifras de hai catro anos quedamos a uns catro mil votos. E se soa esa frauta e a nosa presencia se convirte en decisiva para un posíbel pacto de goberno na institución, contribuiremos a darlle outro sentido ao seu funcionamento.

Co rol das deputacións de máis actualidade ca nunca... que idea teñen vostedes logo das deputacións: supresión, reforma...?
Non pode ser que máis do 65% do gasto vaia para o soldo dos funcionarios e os salarios dos deputados. Hai que facer cambios. E se nós somos eixo de pacto estaremos a prol de que as deputacións se coordinen doutro xeito cos concellos e sirvan para axudar ao relanzamento económico municipal. Non digo que non haxa que darlle cartos ás festas da empanada ou do que sexa como até agora, pero haberá que priorizar outras cousas. Por outro lado, as comarcas deben xogar un papel distinto toda vez que se impulsen entidades menores que artellen servizos comúns entre municipios, falo das comarcas, que deben xogar un papel distinto e clave. Nese sentido e a longo prazo si nos manifestamos a prol da desaparición das deputacións.

Por outra parte, que hai da posibilidade de converxer con outras formacións, caso do Partido Galeguista?
Está claro. Non deben existir minifundios políticos. Nós estamos potencialmente preto de varios colectivos, non só do Partido Galeguista e gustaríanos camiñar por esa vía. Non poñemos condicións, e mesmo se para avanzar na integración hai que organizar outro congreso faise, e aí non van xogar os personalismos. Porque non é hora de dividir, senón de agrupar. A tarefa de centrar Galiza debe sumar correntes.

E houbo xa contactos, veremos un proxecto máis amplo para as municipais?
Nós non somos monolíticos e estamos tendendo pontes, e eu estou seguro de que se cadra antes das municipais se pode concretar algo. Houbo algún contacto, pero a título persoal, nada de conversas formais. Somos optimistas en todo caso.

Imaxino que seguirán atentamente o proceso de reforma estatutaria?
A nosa perspectiva neste proceso parte do temor a que esa Galiza débil se impoña neste debate. É dicir, estamos diante dun Parlamento onde a maioría de deputados integran partidos estatais e a nosa prevención é que iso condicione o proceso e Galiza saia prexudicada. A nosa opinión é que non vale ningún modelo do Estado español para aquí. Deica agora houbo un debate ficticio tomando como referencia o Estatuto catalán e rifando sobre se os cataláns querían ou non máis parte da torta para eles. E mentres, en Galiza debera ser debate clave aínda vermos como se gastan os cartos que temos e o desbalde que houbo deica agora.

Nós queremos que se nos escoite. O financiamento debe ser imaxinativo, distinto e Galiza tén que esixir o que se merece e o que necesita. Temos que ser donos dos nosos recursos enerxéticos, non pode pasar que esteamos producindo máis do 30% da electricidade do Estado e que iso apenas nos beneficie. Temós máis de medio millón de pensionistas, debera haber cinco persoas en activo por cada un deles e apenas hai dúas... E insisto, se non hai traballo para os cidadáns, o resto non funciona.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: