Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
RECIBE O GALARDÓN "COMPUTERWORLD 2006"

Premio ao Cesga polo esforzo cara aos cidadáns

Concedido polo semanario ComputerWorld, o galardón recoñece ´"á entidade que máis apostou polo benestar do cidadán, convertíndoo no centro da xestión pública grazas ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións". O premio foille entregado ao Centro de Supercomputación de Galiza, o Cesga este xoves en Compostela durante a celebración do primeiro Foro de Modernización TIC 2006.

- 09:02 09/06/2006
Tags:

Trátase dun recoñecemento que valora o esforzo do Cesga para "mellorar a relación coa sociedade", destacando o abano de proxectos nos que o centro participou desde a súa creación e que acadaron resultados que implican "melloras tanxíbeis para distintos grupos de cidadáns e o seu contorno". O ComputerWorld 2006, no seu apartado para o destaque do labor de entidades de todo o Estado, quixo subliñar así o esforzo realizado pola institución galega "para mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través do I+D+i e de servizos eficaces, flexíbeis e transparentes". Recoñeu o galardón o director xeral de I+D+i da consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato de la Iglesia, en calidade de presidente do Cesga.

Creado en 1993, o Centro de Supercomputación de Galiza promoveuse como centro de cálculo e comunicacións de altas prestacións, dándolle servizos avanzados á comunidade científica galega, ao sistema académico universitario e ao Consello Superior de Investigacións Científicas. Desde a súa posta en marcha realizou máis de cen proxectos de I+D+i en eidos diversos, desde a educación á saúde, pasando pola formación e os diferentes ámbitos de investigación requiridos. O seu labor abrangue tres metas básicas: promover servizos comúns de apoio á investigación, o desenvolvemento e a innovación no ámbito das tecnoloxías da información e das comunicacións en Galiza e na comunidade investigadora do CSIC; promover accións tendentes á innovación e á mellora na prestación de servizos de cálculo intensivo e comunicacións avanzadas e promover proxectos de I+D+i dirixidos á mellora da calidade, dispoñibilidade e accesibilidade dos datos que informan e tecnoloxías que serven de base ás relacións entre: a actividade dos investigadores, a estratexia competitiva dos axentes produtivos, a acción das administracións, a decisión dos poderes executivos, a actividade lexislativa e a vida dos cidadáns.


0/5 (0 votos)