Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[Ciclismo]

Óscar Pereiro sobe ao podio de París culminando a maior xesta do ciclismo galego

Dous Pereiros subiron esta tarde ao podio dos Campos Elíseos para saborear orgullosos o segundo posto no Tour de Francia. Máis orgulloso o pai, Óscar, que levaba no colo o seu fillo Xoán de oito meses para saudar con fachenda a afección galega que se desprazou até alí e os que seguiron pola televisión este último paseo por París. Ata alá se desprazou a súa familia e algúns amigos de Mos, o Director Xeral para o Deporte, Santi Domínguez e mais o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. O presidente Touriño felicitouno dende Monte Pío a través da TVG e mañá desprazarase até Mos para a homenaxe que lle ten preparada a súa vila natal a Oscar Pereiro.

- 20:03 23/07/2006
Tags:

Cando o noruegués Thor Hushovd, vencedor da tirada prólogo do Tour de Francia, cruzaba de primeiro a liña de meta nos Campos Elíseos, Pereiro colleitaba o máis importante éxito dun ciclista galego na historia. A súa segunda praza no caixón de París confirma a excelente relación do de Mos coa rolda gala, logo de ser décimo nas dúas edicións anteriores. Óscar Pereiro fixera onte unha excelente contrarreloxo na que quedou de cuarto, pero os segundos que lle ripou o estadounidense Floyd Landis foron abondos para levar tamén a camisola amarela.

Landis colle a remuda de Lance Armstrong, o estadounidense que gañou ata sete veces en París. A terceira posición do caixón foi para o alemán Andreas Kloden. Pereiro, que subiu ao podio levando nos brazos o seu fillo de só uns meses, consegue integrarse no grupo dos grandes. A seguinte proba será a Vuelta a España, onde volverá ser segundo do líder do Caisse d'Épargne, Alejandro Valverde.

Parabéns oficiaisO vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, acudiu a París para acompañar a Óscar Pereiro no podio do Tour. Ao pé da meta recibiu a Pereiro e deulle as grazas en persoa "en nome de toda Galiza" logo de enviarlle sms nas últimas tiradas. Pereiro agradeceulle a Quintana o apoio recibido nestes días. O vicepresidente asegurou que habería que reservar hotel en París "para os vindeiros anos", xa que "hai Pereiro para longo, con podio e con vitorias". Canto á posibilidade de fichar a Óscar Pereiro para o Karpin-Galicia, Quintana asegurou que o goberno fará "todo o posíbel", mais admitindo que o ciclista ten que "mirar polo seu futuro profesional".

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acudirá este luns a Mos para recibir, xunto coas autoridades locais, a alcaldesa María Xesusa Escudero, os veciños e os afeccionados a Pereiro. A organización do acto de recibimento ten preparados fogos de artificio, festa de escuma e outras sorpresas que non quixeron desvelar en homenaxe do mosense máis coñecido do planeta.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: