Plans de urbanizacións insustentábeis, portos deportivos sen control, vertidos contaminantes... A ría de Vigo está sendo "gravemente agredida e ameazada". Por este motivo, unha ducia de colectivos cidadáns das comarcas vencelladas organizan para esta fin de semana unha "Caravana en Defensa do Litoral". A rota, a celebrar o próximo sábado 2 de decembro, cubrirá a maioría dos quince puntos negros que identificaron a pé do mar.
Na cima das reivindicacións aparece o ataque urbanístico ao contorno de Monteferro, do que lles temos contado polo miúdo, e que volvía ser noticia hai pouco tempo pola intención do Concello de Nigrán e da Deputación de Pontevedra de reactivar o proxecto para asfaltar o monte.
Segue na lista o porto deportivo de Canido, 30 mil metros cadrados en proxecto de construción. A continuación, a depuradora de Lagares, un importante foco de contaminación. Doutra banda está a ampliación do recheo en Bouzas, unha superficie de 80 mil m2, con 840 mil metros cúbicos de escombreira e un dragado de até 630 mil m3 para o estabelecemento dunha nova terminal de carga. Tamén en Bouzas, a macrodepuradora, no canto de depuradoras pequenas e de bo funcionamento como esixen os colectivos ecoloxistas. Na mesma zona, denuncian a intención de facer unha praia artificial, con formigón cuberto de área e o oleoduto entre Bouzas e o porto seco de Salvaterra.
No contorno de Vigo critican a urbanización da Laxe, a pé do porto deportivo, o alongamento do peirao para cruceiros e a construción dun hotel e aparcadoiros. En Teis, critícanse a privatización da área ocupada pola ETEA, o porto deportivo da praia da Lagoa, a edificación ilegal de naves industriais e outras instalacións, a desaparición das praias e a depuradora. En Chapela o obxectivo principal de denuncia son os aterramentos e vertidos de Frioya, Pescanova e Aucosa. Do mesmo xeito, en Rande os puntos críticos están nos Recheos de Tranvías, Vieirasa, Ferymag e o oleoduto de biodiésel. A depuradora de Redondela, a depuradora e os vertidos de Pontesa, en Arcade. Os vertidos de Fandicosta e a ampliación da zona do porto deportivo e o parque acuícola Loitamar, son as críticas fundamentais en Domaio. Seguindo a liña da costa, en Moaña os problemas da depuradora xa en funcionamento tamén son denunciados, ademais das urbanizacións proxectadas na zona do Areal e a ampliación do porto deportivo. Tamén en Moaña, advirten contra os movementos especulativos no Monte de Ramil, onde se pretendería construír nun área natural salvaxe.
A lista segue con Cangas, onde os veciños levan un ano impedindo as obras do porto deportivo e denunciando a especulación masiva en Aldán, cinco mil metros cadrados, e na antiga factoría de Massó, 200 mil m2. Tamén se loita neste concello contra a construción dunha urbanización de luxo no Salgueirón. Alén disto, tamén inclúen na lista de denuncias a ampliación do peirao de Rodas, nas Cíes. "Son os ataques á costa máis graves e evidentes, pero hai moitos máis", láiase Xosé Carlos Domínguez, da Asociación Cultural Caleidoskopio. Diferentes colectivos socioculturais da ría viguesa, xuntáronse en días pasados para deseñar esta primeira mobilización conxunta.
Apoian o evento e as futuras accións proxectadas, ás que se poderían unir novos grupos, os seguintes colectivos: Asociación Cultural A Revolta; Asociación Cultural Caleidoskopio; Adega; Bouzas Móvete; Foro Social de Cangas; Grupo de Axitación Social, GAS; Luita Verde; OAR Redondela; Salvemos Monteferro; Verdegaia e Voces polo Litoral de Teis.
A Caravana, co lema "Mobilízate contra as agresións á nosa ría", sae da praia de Patos, en Nigrán, o sábado ás 10h. Vaise facer a rota en bicicleta e en coche. A continuación, arredor das 14h, haberá un xantar popular e gaitas no Salgueirón (Cangas).