O proxecto: construír baixo terra unha gran depuradora, na zona de Lagares, ampliando os terreos onde está a actual. Aínda que está pendente da confirmación técnica, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, amosouse seguro de que a proposta do Concello de Vigo para a instalación da nova depuradora é a axeitada. "Desbloquea moitas situacións", asegurou. Ao respecto, a alcaldesa, Corina Porro, salientou que "será a solución definitiva" e comentou que até agora só se propuxeran "parches". Ao tempo, cavilaron que sería necesario un investimento maior do agardado, que podería chegar aos 200 millóns de euros, a metade xa garantidos polo executivo español.