O presidente da Xunta comprometeuse a que as rías galegas estean saneadas e depuradas ao remate da lexislatura. Segundo Pérez Touriño, o executivo galego vai facer un investimento para que as augas recuperen o seu estado natural, aínda que non expresou cantidades exactas. Ademais, fixo un chamamento ao sector pesqueiro e marisqueiro para que faga un esforzo e apoie o proceso de saneamento das rías. Para Touriño, acadar este obxectivo permitirá que os produtos criados na costa galega reciban un recoñecemento pola súa calidade e excelencia, dentro dun territorio ordenado e unhas rías saneadas. O presidente fixo estas declaracións durante a presentación da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, o xoves á tarde.
A comisión interdepartamental formada por representantes da Xunta e do goberno central reunirase o venres 29 para facerlles fronte ás sancións impostas pola Unión Europea por non ter presentado un plan de saneamento da ría de Vigo. O goberno autonómico ten de prazo até o 15 de febreiro para elaborar o proxecto, no que, segundo o presidente da Xunta, deben estar implicados o Concello de Vigo e o Ministerio de Medio Ambiente. Pérez Touriño cifrou o custo da nova depuradora, que está previsto construír na desembocadura do río Lagares, en 200 millóns de euros, para o que confiou no apoio económico da administración estatal. O obxectivo é que a ría estea completamente saneada no ano 2010.