A Comisión pola Memoria Histórica en Ponteareas pediulle esta semana formalmente á Audiencia Nacional que investigue a desaparición de 16 veciños da bisbarra en 1936. O xuíz instrutor vai ser Baltasar Garzón que terá que estudar a demanda conxunta de asociacións de todo o estado. Segundo os promotores da iniciativa pioneira, a denuncia quere que os tribunais boten luz sobre os 30.000 desaparecidos durante a Guerra Civil. A asociación de Ponteareas facilitoulles algúns datos dos represaliados á xustiza.
Os casos denunciados na comarca de Ponteareas son os seguintes: Un home de entre 40-45 anos asasinado en Penedo Redondo (Salvaterra) o 16 de setembro de 1936; dous homes sen identificar represaliados no Pinal do Foxo (Ponteareas), o 20 de setembro do mesmo ano; cinco varóns sen identificar de entre 20-25 anos asasinados en Curros (Salvaterra) o 18 de outubro.
Tamén se facilitan os nomes oito homes detidos e asasinados o 29 de decembro en diferentes lugares do municipio de Ponteareas: Serafín Rodríguez(45 anos); Saturnino Vila Quiroga (59); Amante Porto Fernández(19); Raúl Porto Oia(21); José Rodríguez(41), José Ramírez Vila(39); Manuel Pérez Vila (56); Joaquín Rodríguez Carrera, todos eles veciños do municipio do Porriño e labregos de oficio.
Polo menos tres dos represaliados figuran nunha fosa fóra do cemiterio de Areas. O neto dun dos asasinados está interesado en levantar o corpo e enterralo dentro do recinto. A denuncia tamén apunta outra posíbel fosa.