Nas semanas de máximo risco serán arredor de seis mil persoas as despregadas polo dispositivo contra o lume. Mellora en cantidade, pero tamén en "calidade", segundo insistiu este martes o conselleiro de Medio Rural. Alfredo Suárez Canal destacou a maior formación e profesionalización dos membros do operativo contra incendios, o estabelecemento dun mando único, o incremento de medios técnicos e o aumento das brigadas especiais.
Cara ao aumento da eficacia na resposta contra o lume, Medio Rural define entre os eixos fundamentais a profesionalización do dispositivo de extinción e nese obxectivo, destacan o esforzo para a mellora na formación dos traballadores vencellados a este servizo. Alén diso, haberá un programa de formación continua para o persoal fixo e fixo discontinuo.
Segundo explicou este martes Alfredo Suárez Canal, a consellaría proxecta tamén un maior despregue das brigadas en todos os concellos e o incremento de brigadas de vixilancia móbiles que poidan actuar ademais de xeito inmediato fronte a emerxencias. De xeito especial, tamén se mellorarán os equipos de técnicos para dirixir as actuacións contra os incendios. Serán arredor de 34 millóns de euros, o orzamento a investir nas diversas actuacións para o desenvolvemento da nova política forestal.
Destaca a elevada cantidade que se destinou para as tarefas de limpeza e protección arredor de núcleos de poboación, até 9 millóns. En total, 210 concellos vanse beneficiar dese plan de limpeza de núcleos rurais, que estará completado antes do inicio da época de máximo risco.
"É unha loita de todos", subliñou o conselleiro, "e debe comezar polo rexeitamento social cara ás persoas que cometen este tipo de delitos e pola súa persecución, para ir pouco a pouco desterrando esta actividade criminal da nosa sociedade". Nesa liña, o plan de prevención inclúe a promoción de campañas de sensibilización, como son as específicas para as escolas xa iniciadas baixo os lemas "Non queimes o futuro" "Polo desenvolvemento sustentábel do monte". Tamén actividades divulgativas para estimular o coñecemento das normativas "e a necesidade de colaborar na loita contra o lume e na persecución dos que causan os incendios", e de forma concreta, sensibilizar e formar a colectivos que poidan traballar en tarefas de voluntariado.