O multimillonario inglés Richard Branson ofrece 19 millóns de euros a quen deseñe un proxecto que axude a eliminar os gases de efecto invernadoiro da atmosfera. O propietario da empresa Virgin anunciouno este venres en Londres acompañado por Al Gore e outros persoeiros vinculados á defensa do ambiente. Branson pediulle os "cerebros máis brillantes do mundo" que ideen un xeito de "eliminar polo menos o equivalente a 1.000 millóns de toneladas de carbono por ano". Segundo Branson, gran amante da natureza e dos viaxes aerostáticos, o gañador terá "a satisfacción de salvar milleiros de especies e, posibelmente, á mesma humanidade".
O suculento galardón, Virgin Earth Challenge, será para quen logre un deseño viábel que ofreza resultados reais e significativos para eliminar estes gases causantes do cambio climático. A proposta de Branson chega unha semana despois de que a comisión da ONU sobre o cambio climático advertise en París de que o quecemento do planeta comeza a ser irreversíbel debido ás emisións de dióxido de carbono.
O propietario de Virgin sinalou na presentación que é o maior premio ofrecido até a data e que lle recorda ao concurso convocado en 1714 polo Goberno británico para atopar un xeito para determinar a lonxitude para os navegantes. Porén, aquela convocatoria tardou setenta anos en atopar un gañador, cando John Harrison deseñou un reloxo marítimo. Segundo Branson, agora o planeta "non pode agardar setenta anos. Necesitamos que todos os capaces de atopar unha resposta comecen a pensar agora".
A convocatoria terá un prazo de cinco anos. De non haber gañador nese tempo o prazo podería ampliarse. O xurado estará composto por o propio Branson, Al Gore e persoeiros científicos como Tim Flannery ou políticos como Cripin Tickell.