"Queren converter as vítimas en delincuentes", quéixanse desde as Redes Escarlata. "A palabra nin mata nin fere", din desde a Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes Verbo Xido. Son exemplo de colectivos que saen en defensa pública do historiador Dionisio Pereira. O autor do libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo foi citado no xulgado pola denuncia da familia de Manuel Gutiérrez, quen fora alcalde de Cerdedo durante o franquismo e xefe local da Falange Española nos días posteriores ao golpe de 1936.
A frase incluída no volume A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo pola que a familia protesta é a seguinte:
"Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...."
Quéixanse ademais doutra frase similar publicada nun traballo do mesmo autor e incluída nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Esixen que Dionisio Pereira se retracte e piden ademais unha indemnización por danos e prexuízos.
"Nin podo nin quero retractarme", afirma ao respecto o historiador Dionisio Pereira, "posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a sete veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións".
Mobilización en solidariedade e defensa da liberdade de expresión
"Todos escoitamos en voz baixa os nomes dos represores, sabemos de propiedades que cambiaron de donos a punta de pistola e a golpe de multas, de violacións, de testemuñas de asasinatos e de torturas", manifestan desde o colectivo Verbo Xido, "co paso dos anos foron morrendo case todos, pero a verdade dos feitos é a mesma: Aos historiadores e historiadoras correspóndelles plasmala en libros e outras publicacións, e así contribuír á tarefa de cicatrizar unha ferida que aínda está aberta".
Así se laian do acontecido logo da publicación da obra, que orixinou que o autor fose citado no xulgado de paz do Concello de Cerdedo con motivo dunha "demanda de conciliación" interposta pola familia de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo durante o franquismo e xefe local da Falange Española en 1936. A obra, da autoría do investigador Dionisio Pereira, fai repaso da participación de falanxistas, con nome e apelidos, na represión daquel tempo.
Ao respecto tamén se pronuncian as Redes Escarlata, amosando a súa solidariedade con Dionisio Pereira e condenando "todos e cada un dos fascistas que deberían ocupar asento no banco de acusados por Crime contra a Humanidade".
Poden ler aquí o manifesto Pola súa Liberdade de Expresión e o noso Dereito á Verdade, redactado pola asociación Verbo Xido. Tamén a lista de colectivos que o apoian.
A Revista Galega de Historia Murguia tamén publica unha información sobre a polémica citación xudicial.