Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PEDÍRANSE 91 MILLÓNS DE EUROS

Nin un patacón de Europa para axudas pola vaga de lumes

Vai para seis meses que o Parlamento Europeo votou en favor de que Galiza recibise axudas pola vaga de incendios sufrida en 2006, recomendándolle á Comisión Europea que aplicase "con flexibilidade" o Fondo de Solidariedade. O executivo europeo confirma agora que lle dá as costas a esa petición, argumentando que non entraba nos criterios mínimos inicialmente estabelecidos: afectarlle ao 0,6% do PIB ou causar gasto de 3 mil millóns de euros, e avisa tamén de que o goberno español non achegou datos abondo sobre o alcance dos danos dos lumes.

- 08:34 21/02/2007
Tags:

Desde a Comisión Europea tamén subliñan que a solicitude de Galiza non entraba na definición de "catástrofe rexional fóra do común", que implica que lle afecte á maior parte da poboación considerada ou que cause danos graves e prolongados para a economía local. A UE rexeita así abrir a billa do Fondo de Solidariedade para unha solicitude que avaliaba en 91 millóns de euros as axudas necesarias para compensar a vaga de lumes sufrida o pasado verán.

A Comisión Europea tomou esa decisión malia que o Europarlamento consensuara o pasado mes de setembro un documento onde se lle pedía á Unión Europea que respondese á demanda galega. Daquela sinalábase que en Galiza queimárase no que ía de 2006 preto da metade de toda a superficie forestal que ardera na Unión Europea.

Piden cambiar os criterios do Fondo de Solidariedade
Desde o Ministerio de Medio Ambiente, a ministra Cristina Narbona afirma agora que xa non era optimista sobre a autorización das axudas solicitadas. Ao respecto, aproveita para pedir que se cambien os criterios de concesións que rexen actualmente no Fondo, lembrando que foi creado despois dos anegamentos sufridos en Alemaña en 2002 e que deben axustarse a novas demandas.

Narbona asegurou que o executivo español "fixo un esforzo, malia saber que era difícil que a Comisión dera unha resposta positiva". Tamén asegurou que lle achegara ao executivo europeo "toda a información necesaria". Sobre este punto, a resposta coa que a Comisión Europea argumenta a súa negativa abre dúbidas sobre ese presunto esforzo realizado desde Madrid, xa que sinala que os datos enviados á UE "non achegan probas convincentes da existencia de danos prolongados" sobre o escenario socio-económico afectado.

Foto: Pablo Taboada


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: