Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
SALIENTA A "HARMONÍA" NA QUE CONVIVEN GALEGO E CASTELÁN

Núñez Feijoo pídelle ao executivo que aposte por unha educación trilingüe

O presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, afirmou que "o PPdeG apoia o equilibrio entre galego e castelán, así como o dereito das familias a educaren aos seus fillos na lingua materna". O líder dos populares compareceu este luns ante os medios para valorar o novo decreto da lingua no ensino non universitario. Feijoo dixo que a Xunta debe traballar para que os nenos estuden tres idiomas nos colexios, e que "Galiza sexa unha comunidade trilingüe". Ademais, sinalou que no país "non hai conflito, senón unha convivencia harmónica entre os dous idiomas".

- 18:57 26/02/2007
Tags:

Núñez Feijóo, que estivo acompañado pola responsábel de Educación do PPdeG, Manuela López Besteiro, declarou que o seu grupo está a demostrar que defende os consensos acadados, en referencia á adaptación do texto ao Plan de Normalización que o Parlamento aprobou en 2004.

"Ser bilingüe é unha riqueza persoal, e o coñecemento de dous idiomas axuda á aprendizaxe doutros", afirmou. Como exemplo, argumentou que a adaptación lingüística dos emigrantes galegos en Europa resultara máis sinxela polo feito de coñeceren dous idiomas. "O bilingüismo galego-español abre máis portas no mundo", dixo.

Críticas ao Goberno
Malia o ton inicial da súa intervención, Feijoo tamén tivo críticas para a actitude dos socios de goberno na Xunta. Así, manifestou que o BNG quere establecer un sistema con dous modelos educativos: "un fetén, con mandilóns identitarios incluídos, e outro, cos demais; e os socialistas permítenllelo". Sinalou, ao respecto, que dende o PPdeG se traballa a prol dun sistema educativo "público", "integrador" e "sen castes".

Ademais, segundo o líder dos populares, o seu partido conseguiu que na Educación Infantil os nenos sexan escolarizados na súa lingua materna, co que "se botou abaixo a filosofía inicial das galescolas". "Polo menos, no texto legal conseguiuse "desjarraizar as galescolas no aspecto lingüístico", manifestou.

Respecto ao proceso negociador do proxecto de decreto, o PPdeG advertiu "da falta de criterio da Consellería de Educación, que parecía máis empeñada en non contrariar ao seu socio nacionalista de Goberno, ca en facer cumprir a Lei de Normalización da Lingua Galega".

Formación dos profesores
O PPdeG solicitoulle publicamente a Xunta que facilite a formación necesaria aos profesores, para que estes fagan o propio cos seus alumnos.

Por último sinalou que a Administración debe achegar os medios para que os profesores de Matemáticas, Coñecemento do medio natural, social e cultural e Educación para a cidadanía e dereitos humanos poidan impartiren a súas clases en galego.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: