Unha comisión independente vai presentar un informe por encargo da ONU, no que se comparan as accións de Israel nos territorios ocupados de Palestina coas políticas do [em]apartheid[/em] en Suráfrica. As acusacións xa provocaron as queixas do goberno israelí.
Muro israelí ao seu paso por Belén
O informe elaborado polo enviado independente John Dugard, experto da ONU no conflito entre Israel e Palestina, será presentado en marzo. Dugard, avogado sudafricano que loitou contra o apartheid na década dos oitenta, sinala no documento que “as leis e as prácticas de Israel nos territorios ocupados de Palestina aseméllanse en certos aspectos” a este.
Ao longo de vintecatro páxinas enumera unha serie de acusacións contra o estado de Israel que van dende a restrición de mobilidade aos palestinos até a demolición de casas, pasando polo trato de favor que reciben os colonos xudeus en Cisxordania.
“Pode alguén negar que a intención destas accións é a de estabelecer e manter a dominancia dun grupo racial (os israelís) sobre outro (os palestinos), e oprimilos sistematicamente?”, cuestiona Dugard.
O embaixador de Israel en Xenebra, Yitzhak Levanon, criticou o informe por dirixírense os ataques só cara ao seu estado. “Calquera conclusión exposta é, polo tanto, tendenciosa”, sinalou.
Poden ampliar a información en BBC News.