As culturas galega, árabe e israelí uniranse o xoves 15 na sede do instituto Cervantes en Tel Aviv. No recital As tres culturas e a poesía intervirán o tradutor galego Moncho Iglesias, a profesora israelí Aviva Doron e o poeta palestino Faruq Mawasi.
Os tres autores conversarán sobre a potencialidade da poesía como un instrumento xerador do coñecemento e do diálogo entre culturas. Despois, os relatores lerán poemas en cadansúa lingua. O acto comezará ás sete e media da tarde no local do instituto Cervantes en Israel.