Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pontevedra e A Coruña lideran a lista provincial

Os seguros de coche en Galiza son os máis caros do Estado

Os condutores galegos son os que máis pagan do Estado polo seguro dos seus vehículos. Un estudo elaborado polo Real Automóbil Club Vasco-Navarro determina, ademais, que as dúas provincias cos prezos máis elevados son Pontevedra e A Coruña.

F.A.A. - 19:10 23/03/2007
Os galegos son os que máis pagan polo seguro do coche no Estado / Edams

Os galegos son os que máis pagan polo seguro do coche no Estado / Edams

Dende os 735 euros que costa un seguro a terceiros con vidros até os 1.785 por un a todo risco sen franquicia. Os prezos medios que teñen que pagar os condutores galegos son os máis elevados do Estado, segundo un informe publicado polo Real Automóbil Club Vasco-Navarro, RACVN.

O RACVN, en colaboración co de Cataluña, elaborou un estudo sobre unha mostra de 800 persoas a nivel estatal, e tendo en conta 23.528 prezos procedentes de once compañías aseguradoras: Allianz, Axa, Estrella, Groupama, HDI, Liberty, Mapfre, Reale, Vitalicio, Winterthur e Zurich.

Os prezos medios, foron estabelecidos tomando como referencia tres tipos de vehículos: Seat Ibiza Stella 1.4. 60 CV, Renault Megane 1.9 DCI e Audi A4 2.0, e catro modalidades de seguro: "Terceiros con vidros", "Terceiros completo" e "Todo risco con e sen franquicia". Ademais, elaborouse en función de diferentes variábeis, tal como o sexo ou a idade.

200 euros máis cá media estatal
Galiza lidera a lista en todas as modalidades. No seguro a terceiros con vidros, a media é de 735 euros; a terceiros completo, 822; a todo risco con franquicia, 1.229; e a todo risco sen franquicia, 1.785 euros. En comparación, a media estatal é de 571, 660, 1.034 e 1.553 euros, respectivamente. Isto supón unha diferenza aproximada de 200 euros en cada categoría.

Ademais, por provincias, Pontevedra e A Coruña son a primeira e a segunda da lista das máis caras. Lugo sitúase no cuarto lugar e Ourense, no décimo. Así, de media os condutores de Pontevedra pagan 831, 921, 1.337 e 1.916 euros; os da Coruña, 759, 846, 1.270 e 1.853 euros; os de Lugo, 713, 796, 1.183 e 1.699 euros; e os de Ourense, 638, 724, 1.125 e 1.673 euros, respectivamente.

Perfil do condutor

Segundo se sinala no estudo do RACVN, tres das compañías analizadas dixeron que "baixo ningún concepto" asegurarían a un condutor novo de 23 anos, cun Seat Ibiza e un ano de carné. Son os mozos sen experiencia os que atopan os seguros con prezos máis elevados, mentres que no extremo oposto están as mulleres de ao redor dos 36 anos e experimentadas.

No Estado, por cada 100.000 condutores entre 18 e 34 años prodúcense 17,1 mortos, unha cifra que dobra á accidentalidade mortal da franxa de idade entre 35 e 49 anos. O estudo, tras consultar coas aseguradoras, confirma que os homes teñen entre un 25% e un 40% máis de accidentes, ademais dun custo medio superior dos mesmos.

O número de sinistros que se producen, combinado co seu custe medio, proporciona o índice de risco a través do cal as compañías aseguradoras fixan a súa política de prezos. A combinación dos dous factores coloca a Galiza a cabeza da lista das zonas máis caras do Estado, malia que no período 2002-2005, segundo datos da DGT, os accidentes diminuíron no país nun 13,8%.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: