O voceiro do BNG, Francisco Rodríguez, sinalou que o uso despectivo da palabra é residual, "algo que recoñecen as mesmas autoridades de Costa Rica".
A Comisión de Educación e Ciencia do Congreso dos Deputados de Madrid aprobou por unanimidade, no mediodía desta corta feira, emprazar á Real Academia Española a revisar a pertinencia das definicións da palabra 'gallego'. Ademais, insta ao goberno español a se preocupar por esta cuestión ante a RAE, e salienta a independencia desta institución.
O parlamentario nacionalista Francisco Rodríguez, promotor da proposición non de lei, fixo un percorrido polas distintas edicións do dicionario da RAE dos séculos XVIII, XIX e XX até chegar ao século XXI, para demostrar que a definición de “gallego” non sempre recolleu os dous significados pexorativos e despectivos da edición actual.
'Cousa', 'criado', 'escravo'
Explicou que no século XVIII había tres edicións do dicionario. "A palabra 'gallego' aparece só como 'cousa pertencente a Galiza', namentres que catalán e vasco se definen como 'naturais de Cataluña ou Vascongadas'; nós somos cousas”, salientou. No século XIX, prodúcese “unha inversión; aquí 'gallego' é definido como natural de Galiza e pertencente 'a aquel Reino'".
No século XX, en concreto no ano 1936, “introducen unhas connotacións moi despectivas do vocablo 'gallego', tal como 'mozo de corda'. É dicir, criado ou escravo", sinalou Rodríguez, e engadiu que esta acepción "durou até 1970, ano en que se retirou porque, curiosamente, (Camilo José) Cela acabou por facer que o eliminasen; desde o ano 1970 ao 2001 vivimos en tranquilidade”.
A lingua, en sétimo lugar
Porén, segundo afirmou o deputado do BNG, no 2001 “regálannos con 11 acepcións da verba 'gallego'. E aí é onde o dicionario da RAE inclúe as acepcións quinta e sexta como sinónimos de 'tonto' e 'tartamudo', utilizado residualmente en Costa Rica e Salvador. Ademais, salientou que o relativo á lingua figura en sétimo lugar, e que se lle quita o matiz despectivo que ten en países como Arxentina, onde se emprega como sinónimo de español.