Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
2.000 médicos foron asasinados desde a invasión

Tras catro anos de ocupación, a sanidade iraquí está colapsada

O 90% dos hospitais carecen de equipamento básico, e máis da metade dos profesionais sanitarios xa abandonaron o país por medo a morreren ou a seren acusados de terroristas.

Redacción - 12:00 03/04/2007

Logo de catro anos de ocupación, a sanidade pública en Iraq está completamente colapsada. O 90% dos hospitais carecen de equipamento básico, a maioría son asaltados frecuentemente polas tropas estadounidenses e outros grupos armados, e o persoal sanitario sofre continuas agresións e detencións: desde 2003, ao redor de dous milleiros de médicos foron asasinados.

O 19 de xaneiro de 2007, un grupo dun cento de eminentes médicos británicos enviou unha carta ao primeiro ministro británico, Tony Blair, para manifestaren a súa profunda preocupación pola sorte dos nenos de Iraq. Na carta dicíase: "Os nenos están a morrer por falta de tratamento médico. Enfermos ou feridos, os rapaces, que poderían seren tratados con medios sinxelos, déixaselles morrer por centos porque non teñen acceso a medicamentos básicos ou a outros medios".

Centros sanitarios, sen recursos A Asociación Médica Iraquí (AMI) informa tamén que o 90% dos case 180 hospitais de Iraq carecen do equipamento básico. No hospital Al-Yarmuk, un dos de máis actividade en Bagdad, morren de media cinco persoas ao día, porque os médicos e o persoal técnico sanitario non teñen medios para trataren enfermidades comúns e accidentes, segundo declara o doutor Husam Abud

Hospitais atacados

A Convención de Xenebra estabelece que os hospitais son e deben permanecer neutrais e accesíbeis a todo o mundo, especialmente aos civís. Con todo, durante a primeira semana de novembro de 2006, en Ramadi, 13 civís que entraron no hospital para recibir tratamento resultaron asasinados por francotiradores.

Menos dun dez por cento do persoal do hospital continuou traballando cando forzas lideradas polos EUA irromperon no hospital moitas veces, durante o día e a noite, buscando francotiradores no tellado do hospital. Durante varios meses, os enfermos evitaron ir ao hospital por medo aos disparos dos francotiradores ou a seren detido polas forzas estadounidenses.

O 7 de decembro de 2006, produciuse outro ataque militar estadounidense contra o Hospital Xeral de Faluya. Tropas de asalto ocuparon o hospital como se fose un obxectivo militar. Detiveron aos médicos e ao persoal sanitario, insultáronos e chamáronos terroristas.

Diáspora dos profesionais médicos

Homes armados irrompen nos quirófanos, obrigando aos médicos a atender de forma inmediata aos enfermos que eles levan, e en numerosas ocasións son secuestrados.

Ao redor de 18.000 dos 34.000 médicos iraquís abandonaron o país desde o inicio da guerra, segundo cifras oficiais da AMI. Faruk Naji, médico e antigo membro da AMI, declara que desde 2003 uns 2.000 médicos foron asasinados.

Volta aos anos cincuenta

Segundo Joseph Chamie, ex director do Departamento de Poboación das Nacións Unidas, a sanidade en Iraq deteriorouse até niveis semellantes aos da década de 1950. Cómpre ter en conta, ademais, que, segundo un recente estudo financiado por este departamento da ONU, un terzo dos iraquís vive na pobreza, e que máis dun cinco por cento da poboación vive por baixo da máis absoluta pobreza.

Ademais, máis de 500.000 residentes en Bagdad só dispoñen de auga durante unhas poucas horas ao día, e a maioría só teñen electricidade durante tres horas, fronte ás vinte de antes da invasión.

Aumento crítico da Taxa de Mortaldade Infantil

A combinación das sancións (de 1991 a 2003), a guerra e a ocupación deron como resultado en Iraq a peor evolución mundial da Taxa de Mortaldade Infantil (TMI), desde os 50 por mil nacidos vivos en 1990, até os 125 en 2005. Isto significa un deterioro anual dun 6,1%, unha marca mundial.

A Axencia das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF), calcula que ao redor dun de cada dez nenos menores de cinco anos sofre desnutrición aguda e un de cada cinco, desnutrición crónica. Ademais, a maioría padece "fame encuberta", isto é, deficiencia de vitaminas e minerais fundamentais para o desenvolvemento físico e intelectual dos cativos.

A Asociación de Psicólogos de Iraq (API) determinou tamén que un 92 por cento de pícaros, sobre unha mostra de 1.000, tiña dificultades de aprendizaxe: "O único que lles preocupa son as pistolas, as balas, a morte e o medo á ocupación estadounidense", afirma Marwan Abdulá, membro da API.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: