Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
As novas xeracións que controlan a droga

Luxo e bos coches: os novos narcos buscan cartos fáciles "custe o que custe"

Non lideran o narcotráfico ao xeito que o facía os antigos xefes, pero si teñen un papel marcado dentro da cadea de distribución.

Europa Press - 11:30 08/04/2007

A idade dos detidos nas últimas operacións contra o narcotráfico, na súa maioría entre 20 e 35 anos, confirma aos expertos que unha nova xeración de novos preparados colleu as rendas do narcotráfico en Galicia. Aínda que non teñen un valor significativo como naquelas operacións de antano nas que os galegos "eran os que mandaban", si teñen un papel marcado dentro da cadea de distribución.

Estas xeracións deron "carpetazo" aos xa coñecidos como narcos de segunda e colleron as rendas que seguen manexando os colombianos, pero que a estes grupos de mozos non lles impiden obter un diñeiro doado, rápido e aparentemente sen problemas. Para os colectivos antidroga, un exemplo de que son o futuro do narcotráfico, é a detención dun de só 15 anos na última operación en compañía do seu pai e a bordo dunha pequena embarcación dedica aparentemente á pesqueira. Afirman que "xa lle estaban a ensinar e realmente non é un neno de 15 anos ao que se lle está a instruír, senón que é un mozo que en pouco tempo podería coller perfectamente as rendas e seguir o ronsel dos "xóvenes".

É unha nova xeración que "quere o diñeiro doado custe o que custe, arriscando mesmo as súas vidas, e que non dubidan en enfrontarse a ninguén para conseguir grandes cantidades de diñeiro que lles permiten comprar bos coches e casas, e mesmo dispoñer dunha importante cantidade de droga no peto que a venden e que, sen ningunha dúbida, consumen". Dio Eduardo Rubianes, presidente do colectivo de loita contra a droga Albatros de Vilagarcía, que nos últimos anos viu moitos casos destes mozos "que eran moi listos e prometían, e que deixaron colgados os estudios, empezaron a traballar e que logo viron que podían conseguir diñeiro doado para permitirse os seus luxos".

Rubianes defíneos como xóvenes "preparados, arriscados e sobre todo aos que lles gusta mandar e ser os amos de todo" e que na súa casa teñen máis poder que os seus propios familiares, "hai casos de pais, irmáns e mesmo avós que saben que os rapaces esconden grandes cantidades de diñeiro na casa e que logo as inverten en compras ficticias ou ilegais".

Os do 20%
Antano os pequenos barcos españois buscaban ao buque nodriza que, usando a coñecida como Ruta do Caribe, chegaban ás costas españolas e a través destas vellas embarcacións que supostamente se dedicaban á pesca, os coñecidos como 'narcos de segunda' que traballaran cos históricos Laureano Oubiña, Sito Miñanco ou os Charlines, aproveitaban a infraestrutura de que dispoñían e os seus coñecementos para facer chegar a droga ás costas galegas e distribuila a Europa.

Para os expertos, "antes aos galegos cun apertón de mans chegáballes, había unha confianza entre galegos e colombianos, que agora desapareceu". Así, Carmen Avendaño di que "agora os mozos non son nada máis que intermediarios ou asalariados", de feito, os colombianos chegaron a España a seguir a cadea de distribución "e se ven que algo fallou, quítanche de diante e punto".

Engaden os especialistas que "agora non hai esta confianza, nin tampouco padriños porque os narcotraficantes históricos son iso, vellos e que xa non gozan do respecto de antes".

Os novos narcos souberon aproveitar os erros de outros para aprender novas técnicas para facer chegar a droga a Galicia e seguir utilizando as súas praias e costas para pequenas descargas con planeadoras con motores fueraborda, tamén coñecidas como 'lanzadeiras'. De elevado custo económico e de gran potencia, poden alcanzar os 3.000 cabalos de potencia e non lles supoñen un gran gasto en comparación co diñeiro que chegan a ingresar por unha operación.

Para os colectivos antidroga e expertos, Galicia segue sendo punto de entrada de droga "o que pasa é que empregan outros métodos e coñecen á perfección as revoltas das costas para poder achegar as planeadoras e facer as descargas". Seguen sendo os intermediarios pero cada vez queren máis protagonismo e arríscanse a levar por terra na maioría das ocasións a droga fóra das fronteiras galegas.

Seguen alugando ou comprando pequenas embarcacións que recollen a droga nos buques nodriza e, "cada vez máis preparados coa axuda de novas tecnoloxías, esquivan ás forzas da orde e conseguen internar a droga en Galicia ou en Portugal, que logo levan a outros puntos de España". Por cada operación "lévanse entre un 20% e un 30% do valor do que transportan", que "vai en aumento segundo a onde o vaias distribuír".

Así, en Galicia o gramo de cocaína ten actualmente un valor no mercado de 50 euros e "cando chega a Madrid alcanza os 90", polo que para os novos narcos "realizar este traballo é moi doado, e se os seus propios familiares ven con iso un progreso económico importante, non lles importa nada".

Para Rubianes, "é unha barbaridade o que está a pasar, porque é un diñeiro que lles custa pouco conseguilo e porque lles dá uns beneficios importantes", porque entende que non só se dedican ao tráfico de cocaína, "senón que tamén controlan o tema da heroína e outras drogas que distribúen ao mesmo tempo e que lles reportan máis ingresos".

Segundo os expertos, un mozo nunha mesma operación de droga pode "sacarse tranquilamente varios millóns das antigas pesetas, e o problema teno despois, xa que ten que esconder ese diñeiro e darlle saída pouco a pouco". Logo chega a compra de coches caros e os excesos, "non só se dedican a distribuila, senón que eles mesmos a venden a título particular e consúmena".

Novos ricos

A ostentación de riqueza segue sendo un dos principais baluartes destas novas xeracións que non dubidan en "mostrar" os vehículos de gran potencia e sobre todo casas de gran magnitude, así como en utilizar todo tipo de artimañas administrativas para branquexar diñeiro na compra de terreos "e a construción de vivendas con todo luxo de detalles, con figuras estrambóticas e decoración maxestuosas".

Así, nas últimas operacións da UDYCO, 'Pila', 'Sepia' e 'Choco', detivéronse a novos de entre 20 e 30 anos aos que se lles implica en branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico. Aos axentes sorprendeulles que o primeiro arrestado, Víctor Manuel García Paz, de 23 anos, de Vilanova de Arousa, tiña ocultos nun armario na vivenda que compartía cos seus pais e irmáns máis de 1.400.000 euros en billetes de 50, e era propietario de varios vehículos de gran cilindrada.

Miguel Ángel Fontán, de 32 anos e tamén veciño de Vilanova de Arousa, foi detido fai pouco máis dun mes, tamén por presuntas actividades de branqueo de capitais, procedentes do tráfico de drogas. O mozo puido aproveitar o coñecemento sobre como García Paz desviara os seus ingresos económicos en varios homes de palla que eran os seus propios familiares, e inverteu en propiedades inmobiliarias.

En ambos os dous casos foron arrestados pais e irmáns aos que se lles relacionou con estas operacións e converterse en homes de palla. Outro exemplo foi David Pérez Lago fillastro de Laureano Oubiña e detido o pasado ano.

Para os colectivos antidroga, "deberíase investigar a fondo como están a progresar algunhas zonas", en referencia a "persoas que pasaban desapercibidas para todos, que sabiamos que se dedicaban a traballar como calquera, pero que que de súpeto teñen coches de luxo ou grandes mansións". Estes colectivos afirman que "existen casos de familias que están todos en paro, e resulta que teñen grandes e bos coches de gama alta, cando se supón que non teñen ningún ingreso".


4,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: