O galego é usado polo profesorado en apenas o 9% das aulas da institución coruñesa. O plan presentado propón iniciativas concretas en favor do uso da lingua.
O reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, recoñeceu o desafío que enfronta a institución fronte á baixa utilización do galego no contorno das súas aulas e dixo confiar en que o Plan agora presentado sirva de ferramenta para cumprir "progresivamente" os obxectivos marcados. Na mesma liña, o director do Servizo de Normalización Lingüística, Xosé Ramón Freixeiro, laiouse da presión castelanizadora que a institución tivo, creando un escenario onde moitos dos novos chegados que falaban galego habitualmente "retráense" ao chegar ao centro.
Segundo explicaron, a UDC vai poñer en marcha todos os recursos necesarios para aumentar o uso do galego, facilitando que docentes e investigadores poidan desenvolver o seu labor na nosa lingua. Así por exemplo, o dominio oral e escrito do galego será valorado en todos os concursos para o acceso ao profesorado, o Servizo de Publicacións editará en pouco tempo cando menos a metade de todos os volumes en galego e as concesións de servizos e deseño de actividades de organismos xestionados pola UDC incluirán cláusulas lingüísticas. Tamén, os plans de formación continua do persoal de administración e servizos serán integramente en galego. No que lle toca ás materias, a UDC quere que en pouco tempo cando menos un terzo das obrigatorias e troncais se impartan en galego.
Alén dos cursos de balde que se van organizar para a mellora das competencias lingüísticas a institución promete esforzo por transmitir cara ao alumnado "o valor da diversidade lingüística e o aprezo polo galego con sinal de modernidade e universalidade".