Nós que reflicten o abismo sentido ao volver atrás a mirada e que coma resultado dan pezas dotadas dunha grande carga crítica e poética.
A mostra Nudos está formada por varias instalacións-esculturas nas que Benxamín Álvarez experimenta con diversas técnicas e soportes. Mestura materiais que van dende teas e radiografías até obxectos domésticos, roupa, bronce, cera ou plástico: calquera material factible de ser modelado para expresar diferentes aspectos, para construír imaxes novas.
As pezas falan da vida e do cotián, onde realidades, personaxes e escenas enguedéllanse de tal xeito que se fai difícil seguir por onde continúa o fío trazado por acontecementos complexos e relacións con trampas.
A carga critica e poética das pezas deste traballo amosan o compromiso artista-vida: formas que pretenden ser unha alegoría do presente, criaturas feitas da materia dos nosos pesadelos.
Nudos forma parte dun proxecto creativo máis amplo que o autor ten desenvolvido en diversas exposicións anteriores dende o ano 2000: Paisajes de la ignominia (2000-2002), La larga noche de negros sueños (2002-2004), Flores del mal (2002-2004), Sobre sacrificios (2002-2004), Humo (2004-2005) e Corpo do Rei (2004-2006).
Benxamín Álvarez forma parte do grupo de artistas que xestiona La Xina A.R.T. O pasado mes de xaneiro remataba a mostra colectiva Tendencias, segunda edición d'El Basar del Xino. Como o traballo de Álvarez, esta mostra tamén é ilustrativa do compromiso de crítica social deste colectivo artístico.