Elaboran un informe de diagnóstico da enfermidade, que leva incorporada a información clínica e recomendacións para o seu tratamento, para identificar mutacións "de forma rápida".
Foto de familia dos premiados / USC
O proxecto Health in Code (HIC), empresa especializada no diagnóstico xenético molecular de cardiopatías, resultou distinguido co primeiro premio do VII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dotado con 5.000 euros e un empréstito participativo de até 24.000 euros.
HIC é unha empresa de base tecnolóxica creada a partir dun grupo de investigación desenvolvido conxuntamente entre o Instituto de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e o Grupo de Medicina Xenómica da USC.
Diagnóstico da miocardiopatía hipertrófica
Os promotores son o catedrático da USC Ángel Carracedo, o doutor Alfonso Castro Beiras, o profesor William J. McKenna, o cardiólogo do Hospital Juan Canalejo Lorenzo Monserrat Iglesias, o doutor en Bioloxía pola USC Manuel Hermida Prieto, o doutor Javier Muñiz García, a doutora María Brión Martínez e o enxeñeiro de Telecomunicacións Javier Colás Fustero.
A actividade de HIC céntrase inicialmente no diagnóstico da miocardiopatía hipertrófica (MCH) para posteriormente abordar outras enfermidades que xunto coa MCH constitúen as principais patoloxías cardiovasculares de causa xenética relacionadas coa morte súbita.
O produto resultante será un informe de diagnóstico da enfermidade que levará incorporada a información clínica asociada e recomendacións a seguir para o seu tratamento, o que permitirá identificar as mutacións asociadas á enfermidade "de forma rápida, fiábel e económica", ademais de proporcionar toda a información clínica relevante asociada a cada unha das mutacións identificadas.
Outros premiados
Os outros proxectos premiados nesta convocatoria foron Innolact SL, que quedou en segundo lugar; Xestionarte SL, terceiro; Green Solutions Chemicals SL obtivo o galardón 'Empresa Xove'; e Amallós Consultoría o da categoría 'Muller'.
O segundo galardoado, Innolact SL, é un grupo de investigación xurdido da Aula de Produtos Lácteos da USC que ten por obxecto a produción e comercialización dunha gama de produtos baseados no queixo crema (queixo branco pasteurizado), baseándose nunha nova tecnoloxía de produción que inclúe o uso de produtos da industria láctea, de alto valor funcional e baixo custo.
O terceiro premiado, Xestionarte S.L., defínese como unha empresa que ofrece servizos integrais para a Cultura e Patrimonio do territorio galego, relacionados coa xestión integral de exposicións, desenvolvemento de proxectos de posta en valor do patrimonio histórico artístico e coa asesoría na xestión e compra-venda de bens artísticos e culturais.
Os premios da sétima edición do concurso foron entregados esta corta en Compostela nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, e no que tamén participaron o director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ansias, e o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato, entre outras personalidades.