Logo do paro, a consellaría destaca a "baixa incidencia" e o sindicato advirte de novas mobilizacións.
O distanciamento entre a CIG-Ensino e o consellaría que dirixe Laura Sánchez Piñón é cada vez máis evidente. Logo da primeira xornada de folga pola ampliación do horario lectivo aos meses de xuño e setembro, as dúas partes dan cifras radicalmente distintas sobre o grao de participación do profesorado. Mentres dende o sindicato nacionalista falan dunha porcentaxe superior ao 70% o departamento de titularidade socialista reduce esta a pouco máis dun 37%.
Segundo unha nota oficial da consellaría, “os datos de participación na folga poñen de manifesto un seguimento irregular entre o profesorado do corpo de mestres”. O departamento da Xunta entende que o acordo asinado cos restantes sindicatos representa a maioría do profesorado. A visión da CIG é substancialmente diferente.