Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Concertos para a fin de semana

Shuarma: "Gústame coñecerme a min mesmo, afondar en min"

O ex vocalista e compositor de Elefantes falou con Vieiros nun descanso en Compostela, antes de continuar a súa xira en solitario pola Coruña e Vigo.

Redacción - 09:00 08/06/2007

Logo de liderar durante máis dunha década o cuarteto catalán Elefantes, o seu vocalista e compositor, Shuarma, acordou un día en Marrocos que rematara unha época e comezaba outra: o seu disco Universo é a punta de lanza dunha nova carreira en solitario, na que mantén parte do espírito de Elefantes, pero cunha nova filosofía, a medio camiño entre a canción de autor e o pop, con chiscadelas étnicos. Poderemos coñecer esta nova experiencia en solitario de Shuarma esta fin de semana, en Vigo e na Coruña.

Vieiros: Cal foi o punto de inflexión para comezar a súa andaina en solitario e rematar con Elefantes?

Shuarma: De súpeto levanteime un día, en Marrocos, e deime de conta de que rematara un momento da miña vida. Podía non terlle feito caso e seguir adiante, porque Elefantes levabámonos moi ben, en ningún caso a ruptura foi por ningún problema. Pero xa hai bastantes discos que non teñen nada de artístico e moito de comercial, e, por respecto á música, ao público e a min mesmo, non podía seguir con algo que xa estaba rematado.

V.: Que queda de Elefantes en Shuarma?


Sh.: Todo! Elefantes foi a miña escola. Non son dos cantantes que, cando deixan un grupo, non queren nin ouvir falar del. Ademais hai que ter en conta que eu era o compositor de Elefantes. En min quedou todo, sigo escribindo igual, dende o corazón. O que acontece é que antes falaba por catro persoas, e agora falo por min, e a fórmula de grupo tamén é diferente á de solista.

V.: Hai unha corrente filosófica parecida nos últimos Elefantes e en Shuarma... De onde tira a inspiración ou as temáticas para compor?


Sh.: A min gústame cando remato un disco e vexo o artista que queda detrás, recoñézome nel. Teño as mesmas inquietudes que todo o mundo, falo de amor, do paso do tempo, de por que estamos aquí... Non sei, gústame coñecerme a min mesmo, afondar en min.

V.: E cales son as súas influencias máis salientábeis?


Sh.: Identifícome coa xente que escribe cancións, que as mima, que as sente: Jorge Drexler, Antonio Vega... Tendencias que veñen xa de Bob Dylan, Caetano Veloso ou Jacques Brel.

V.: Até que punto influíron as súas viaxes por África e a súa colaboración con Intermón na súa música?


Sh.: As viaxes encántanme, e esta vez tocou África. É un continente que me encanta, cheo de música, dun xeito salvaxe de conectar cos sentimentos. O que fixen foi gravar alí e doar os dereitos de autor a Intermón. Agora estou planeando viaxar a Serra Leoa cun percusionista.

V.: E que nos conta da súa faceta como produtor?


Sh.: Eu a única experiencia que tiven foi con La Media Luna, o grupo musical da miña parella, pero a verdade é que prefiro deixarlles o sitio aos produtores profesionais. Gustoume facelo, pero o meu é compor música e tocala, aínda que foi toda unha experiencia estar xogando a mesturar sons.

V.: En que momento se atopa agora? Hai xa novos proxectos?


Sh.: Agora estou vivindo este disco, quero vivir o presente. Teño un traballo do que estou moi orgulloso e quero gozalo.

V.: Vostede ten xa un myspace e varias cancións para descarga na súa música. Que opina das novas canles de distribución comercial, alternativas á comercialización?

Sh.: Encántame que aconteza: tal e como está agora a industria discográfica, é moi difícil que se dean a coñecer os grupos novos, ou que simplemente o teñan difícil para acceder. E é moi necesario anovar o panorama. Internet foi moi positiva para todos os grupos. Eu tamén quero abrir todas as opcións posíbeis. Agora mesmo traballo cun selo propio, e mantéñome independente da presión das grandes discográficas.

Agora ben, a música hai que pagala: ten o seu prezo, xa que hai xente detrás dela traballando, pero tamén hai que dar algunha alternativa. A música non é cara, a xente gasta máis bebendo unha noite que mercando un cedé, pero tes que dar opción a que coñezan a túa música.

V.: Cal foi a acollida de Shuarma unha vez que rematou Elefantes?


Sh.: Moita xente enfadouse comigo, como se fose o culpábel de que o grupo se separase, pero tamén houbo quen, ao rematar de escoitar o disco, dixo: "agora entendo por que". Valórase o meu traballo e compréndese que é unha nova fase.

V.: Que agarda dos próximos concertos en Galiza?

Sh.: Pois polo de pronto espero actuar: só vin dúas veces en once anos con Elefantes, e ao comezo non estaba contemplada na xira. Galiza parece quedar sempre fóra deste tipo de xiras! Así que veño disposto a plantar unha semente, que agardo que se reproduza. Non sei se teño moito público galego, pero veño disposto a crealo.Shuarma estará na Iguana de Vigo o venres ás 00.00, e na Sala Mardi Gras da Coruña o sábado ás 22.00. As entradas custan 12 € anticipadas, e 15 no portelo, e pódense obter xa a través de internet.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: