Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Norfor xestiona 12 mil hectáreas de eucalipto

Os ecoloxistas confían en que lle retiren a certificación "forestal sostíbel" á filial de Ence

Colectivos galegos e asturianos rexeitan un convite da empresa, critican a súa actividade e afirman que a investigación en curso probablemente lle retirará o selo FSC.

Redacción - 19:15 25/06/2007

A certificación Forest Stewardship Council - Forest Stewardship Council, FSC, era até hai tres anos o sistema de certificación sobre xestión forestal que a nivel internacional maior consenso conseguira. Mais a credibilidade que acumulara o selo viuse afectada nos últimos tempos polo acceso en outubro de 2004 da empresa Norfor, integrante do Grupo ENCE, segundo critican diversos grupos ecoloxistas.

Actualmente está aberto un proceso de investigación logo das denuncias da Asociación Pola Defensa da Ría e a Asemblea do Suído. Os dous grupos acusaran a Norfor polos danos que producidos na Serra do Suído onde realizou unha plantación de eucalipto en réxime de monocultivo nunha zona con fortes pendentes ocupada anteriormente por vexetación natural. Norfor foi tamén denunciada no seu momento pola delegación en Pontevedra da consellaría do Medio Rural. As presuntas ilegalidades cometidas pola empresa argavarían os danos ambientais das plantacións de eucalipto incrementando o risco de propagación de incendio, segundo a consellaría.

Os ecoloxistas confían en que os novos e máis esixentes estándares estabelecidos a nivel estatal sirvan para que a Norfor lle sexa retirada a certificación.

Incumprimento das esixencias de transparencia
O selo FSC implica para as empresas ou entidades vencelladas ao sector forestal o compromiso de fornecerlle de todo tipo de datos sobre a súa actividade a calquera individuo que o solicite. En teoría é "a garantía de que a xestión non ten nada que ocultar" para que calquera poida comprobar se realimente se cumpren os principios e criterios que esixe o FSC.

Os ecoloxistas acusan a Norfor de incumprir eses compromisos. "Ocultan aspectos esenciais da xestión forestal que permitirían comprobar ás organizacións e persoas interesadas en que medida se axusta aos principios que ten elaborado o FSC", critican. Segundo detallan os grupos ambientais, Norfor e a empresa auditora responsábel da súa certificación, SGS, ocultaron elementos claves tales como "a propia situación das parcelas ou o resumo do plano de xestión que a empresa está obrigada a facer público".

Críticas que veñen de longo
Xosé Veiras, de Verdegaia, explicou para Vieiros que das 12 mil hectáreas de eucalipto xestionadas pola empresa, arredor de oito mil están en Galiza. Os ecoloxistas láianse do propio dano aos ecosistemas, o empobrecemento dos solos, a explotación intensiva, o impacto sobre a cantidade e calidade da auga e as agresións á biodiversidade das zonas onde desenvolve a súa actividade. Veiras cita tamén a conflitividade social xerada en diversas áreas, caso da Serra de Outes, onde Norfor entrou en disputa con veciños pola propiedade dun monte, a destrución dun proxecto de recuperación do coello nunha zona de caza en Rois debido ao uso de pesticidas. E destaca ademais a propia agresividade no sector da madeira, fixando os prezos, significativamente "baixos", que lle permite o "monopolio" sobre o mercado.

Por estes motivos, colectivos galegos e asturianos rexeitaron o convite da empresa a un encontro que Norfor organizou no seu centro loxístico de Ortigueira, cualificándoo de intento de "lavar a imaxe". Apoian un comunicado conxunto de crítica a Norfor a Asociación pola Defensa da Ría, Greenpeace, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Asemblea do Suído, Coordinadora Ecoloxista d’Asturies, Ecologistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega e Verdegaia.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: