Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Parque natural

Acción na rede pola defensa do Courel

SOS Courel e Verdegaia ofrecen a posibilidade de enviar dende a web unha petición ás autoridades para que se protexa o espazo.

Redacción - 12:09 26/06/2007

A web da asociación ecoloxista Verdegaia pon a disposición do público a posibilidade de participar nunha iniciativa de ciberacción a prol do Courel. Dende aquí pódese asinar un texto para que as administracións con competencias na materia lle dean a protección axeitada á zona, declarándoa Parque Natural, ampliando a Rede Natura e, en xeral, recuperando os espazos da comarca.

A iniciativa está promovida pola Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel, que denuncia a desfeita que se está a cometer na zona polos intereses das empresas louseiras. Tamén se queixa de que o Courel será finalmente Parque Natural, mais non nas zonas afectadas polas canteiras, e o feito de que Folgoso do Courel sexa declarado Concello Mineiro.

A ciberacción chega despois da legalización da louseira da Campa polo último Consello da Xunta. SOS Courel asegura que a canteira, rodeada de dous ríos, varios núcleos de poboación, unha estrada, un souto e situada nun espazo natural, terá que ser clausurada e indemnizada con cargo aos fondos públicos.

Pintura ao aire libre
Entre tanto, en Folgoso do Courel vaise organizar o sexto certame de pintura rápida ao aire libre Fonte do Milagro, que convoca a asociación do mesmo nome. As xentes e as ameazadas paisaxes da zona serán o tema dos traballos que se presenten, o vindeiro 14 de xullo.

As persoas que desexen participar deberán presentar os lenzos á organización entre as 9 e as 11 da mañá para o seu selado, e entregar as obras rematadas entre as 4 e as 5 e media da tarde. O primeiro premio é de 1.300 euros máis trofeo, aínda que tamén haberá un segundo de 800 euros, un terceiro de 500 e até 7 accésits de 400. Entregaranse, ademais, agasallos para as categorías infantil e xuvenil e un premio especial de 200 euros ao mellor artista local. As bases pódense consultar na web da asociación.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: