Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
IMPACTO AO PATRIMONIO AMBIENTAL

ADEGA considera unha burla e unha chantaxe á sociedade a legalización da canteira “la Campa” de O Courel

O Consello da Xunta na reunión do 21 de xuño, ven de outorgar, a proposta da Comisión Superior de Urbanismo, a autorización urbanística á canteira de A CAMPA, en Folgoso do Courel explotada pola empresa CUPIRE-PADESA.

ADEGA - 19:42 01/07/2007

Para ADEGA tal autorización constitúe un moi grave precedente na aplicación da lexislación urbanística que, dende logo, non concorda en absoluto coa actitude con que a Xunta está a enfrontar a irregularidades e ilegalidades urbanísticas moito menos aberrantes: se grave e escandalosa é a especulación urbanística que a Xunta está a perseguir no litoral coa recente Lei de Medidas Urxentes, moito máis resulta a actuación de CUPIRE-PADESA na canteira de A CAMPA, en Folgoso do Courel.   Dende o punto de vista do seu impacto sobre o medio, a actividade da canteira supón a destrución absoluta de todo o patrimonio ambiental, xeolóxico e paisaxístico do territorio dentro dun espazo natural protexido dende as normas subsidiarias provinciais do 1.989 (impulsadas pola Consellaría de Política Territorial e ignoradas agora polo mesmo organismo), sen respeto algún pola lexislación ambiental.   Dende o punto de vista da legalidade urbanística, cónstalle á Comisión Superior de Urbanismo e ao Consello da Xunta: -que CUPIRE-PADESA iniciou a actividade sen contar coa preceptiva autorización urbanística e sen licenza municipal e desobedeceu reiteradas ordes de paralización da Dirección Xeral de Urbanismo; -que CUPIRE-PADESA tén desobedecido reiteradas resolucións da Confederación Hidrográfica do Norte, ordenando recuperar o río Laruda, río que non existíu para o Estudo de Impacto Ambiental nen para a Declaración de Impacto Ambiental; -que CUPIRE-PADESA mentiu na elaboración do Estudo de Impacto Ambiental para obter unha declaración de impacto ambiental favorable que nen sequera respectou nen está a respectar; -que CUPIRE-PADESA practica o máis absoluto desprezo polos propietarios do solo, ocupando terreos sen autorización nen trámite de expropiación algún; -que CUPIRE-PADESA practica o máis absoluto desprecio polos seus propios traballadores sen respectar as mínimas medidas de seguridade laboral; -que CUPIRE-PADESA obtivo da anterior Consellería de Meio Ambiente a modificación dos límites da Rede Natura, para facerlle sitio á canteira de A CAMPA e aos seus proxectos de expansión e ocupación mineira no COUREL.   Esta autorización urbanística representa, desta forma, un premio a todas estas ilegalidades e unha ofensa a calquera propietario de solo en espazos protexidos a quen se lle aplica a lei con todo o seu rigor, quenes a pesar de vivir no Courel, dificúltaselle toda actividade , mentras se lle consinte a unha multinacional da pizarra facer negocio á conta da destrución do territorio, dos hábitats e das especies.   Dende ADEGA consideramos que o Consello da Xunta está a burlar aos colectivos sociais e ecolxistas e, sobre todo, á poboación do Courel que creu nas falsas expectativas que os representantes de case todas as consellarías da Xunta crearon publicamente nas Xornadas en Defensa do Courel celebradas o pasado 12 de maio en Lugo. Alí voceiros da Xunta comprometéronse a promover actuacións a favor do desenvolvemento sustentábel da montaña courelá de xeito transversal entre as distintas consellarías que forman parte do Consello da Xunta. Polo tanto ningún departamento da Xunta pode excusarse na perda dos postos de traballo dos habitantes da zona para autorizar a actividade da canteira de A Campa, pois o Consello da Xunta ten a capacidade e, desde o noso ver, a obriga e o compromiso de elaborar un Plan de Desenvolvemento para O Courel baseado na posta en valor dos seus recursos naturais e do seu patrimonio cultural e histórico para ofrecerlles outras alternativas laborais e de vida a todos os seus habitantes. De novo os postos de traballo utilízanse como chantaxe por parte da Administración para amparar actuacións inxustificables.   Dende ADEGA temos claro que non se pode consentir que a riqueza natural do Courel, que a súa paisaxe, que a súa bioversidade, que os seu valores xeolóxicos podan desaparecer por causa da expoliación mineira que practica CUPIRE-PADESA. Seguiremos traballando para que así non sexa. ADEGA e SOS Courel levan recollidas arestora xa máis de 10.000 sinaturas en defensa do Courel e estamos seguros de que, tarde ou cedo, imos conquerir que esta montaña oriental e as súas xentes sexan respectadas. É de xustiza.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: