Elixidas as "novas sete marabillas do mundo". O maratón musical Live Earth alertou sobre o quecemento global.
Al Gore é o impulsor de 'Live Earth'
Artistas de todo o mundo -máis famosos polos seus avións privados e limusinas que por vivir de xeito ecolóxico- actuaron este sábado en varios países coa intención de alertar a cidadanía do quecemento global. O maratón musical de concertos Live Earth comezou en Australia ás 0.00 horas (GMT) e concluíu en Brasil sete horas despois, tras pasar por diversas cidades.
O evento, que contou con importantes figuras da música pop internacional nas listas de vendas, foi organizado polo ex vicepresidente dos EUA Al Gore, quen asegurou que esta só é o comezo dunha campaña de tres anos para tratar de "curar o planeta".
Porén, dende grupos en defensa do medio natural matizan este tipo de iniciativas. Luís González de Ecoloxistas en Acción non ten dúbidas en afirmar que Live Earth "é un evento mediático-festivo sen contido algún, un carro o que se están a sumar empresas e gobernos que non fan nada para combater o cambio climático".
Elección das "sete marabillas do mundo"
Por outra banda, tamén este sábado tivo lugar outro evento de eco planetario, concretamente en Lisboa, onde nun espectáculo de luz e son deuse a coñecer o resultado dunha votación -vía internet e mensaxes de móbiles- para seleccionar as sete novas marabillas do mundo.
A Grande Muralla Chinesa, a cidade de Petra, o Cristo Redentor de Rio de Janeiro, Machu Picchu, Chichén Itzá, o Coliseo romano e o Taj Mahal, foron as elixidas. A iniciativa foi organizada polo viaxeiro e cineasta suízo Bernard Weber despois da destrución dos Budas xigantes de Bamiián, en 2001, polos talibáns.
O evento foi criticado por numerosos e importantes arqueólogos e historiadores, entre outras cousas, polo marcado carácter comercial da iniciativa.
"Esta campaña non é nin democrática nin científica", denunciou Nicole Bolomey, unha especialista da Unesco con sede na India. Pola súa banda o xefe das antigüidades exipcias, Zahi Hawass, cualificou pola súa banda o concurso de "operación publicitaria".