De vez en cando chegan a Barcelona exposicións que animan ao repaso das vangardas europeas do pasado século, e á revisión da uniformidade das mesmas. Como ser un pintor abstracto e non selo? Como se pintan os ceos feridos?
A Fundació CaixaCatalunya-La Pedrera presenta a colección Staël 1914-1955, até o 24 de setembro, unhas 60 obras dun pintor pouco coñecido en España, Nicolás de Staël, que non acostuma a estar na nóminas das vangardas europeas, e de quen esta é a segunda exposición en España. A primeira foi no Reina Sofía de Madrid.
Staël naceu en San Petersburgo (1914) nunha familia aristocrática fiel ao Tsar. Foxen de Rusia, mórrenlle os pais e instálase en Bélxica. A Revolución Rusa, o exilio e a morte dos pais aínda sendo un cativo, condicionarán a súa curta vida.
Persoa moi inqueda, négase a vivir placidamente en Bélxica, e en 1935 fai unha viaxe por España. Con 19 anos percorre, en bicicleta, boa parte a xeografía peninsular. Xa daquela ten criterio artístico e pictórico propio. Admirador da arte medieval que atopa ao seu paso por Catalunya, escribe: “dou todo Miguel Anxo polo calvario do Museo de Vic”. Tamén fará un longo percorrido por Marrocos, e outro por Sicilia. Volve a España un ano antes de morrer, 1954. Desta vez queda prendido das pinceladas de Velázquez: “é tanta a xenialidade ... que nin a mostra”.
Tal vez estes comentarios poidan facer crer que estamos diante dun pintor academicista, amante da tradición pictórica europea e continuador da mesma. Pois non.
Para comezar, Staël é un artista constante, decidido, Traballa freneticamente nas indagacións que está a facer. A súa obra dátase case exclusivamente entre 1942 e 1955. Neses poucos anos deixou preto de dous mil óleos e outros tantos debuxos. Pero dubida. Dubida sempre. O que fai non o enche, o que sae no lenzo ou no papel non é o que busca... Contraditorio. Decidido e dubidoso. Velaí unha das súas características máis remarcadas, ou polo menos das máis destacadas polos críticos. Staël estivo sempre saltando da abstracción á figuración, e viceversa. Pero sempre a pintura, a procura. “Debo pintar, porque me axuda a vivir”. O ceo dun azul que fire ou escacha. Ceos rosas, brancos, vermellos, negros. Ceos, por tras dos que axexan as estrelas.
De Staël, os mesmos artistas coñecidos desconfiaban e mesmo o trataban de traidor pois, se agora enfila os vieiros da abstracción é dos nosos, pero logo despois xa anda a voltas coa tradición e mais cos que queren volver ás imaxes.
“Debo pintar, porque me axuda a vivir”. A identificación da vida coa pintura. Ás loitas por atopar o xeito de pintar, de fuxir, ora das figuras, ora das propostas informalistas, acaba atopando unha solución: apostar pola cor. Neste sentido, acaba por chegar a unha vía parella á que escolleran Matisse e mais os fauvistas. A cor pola cor, a cor que pode parecer arbitraria e ilóxica.
Staël é máis expresionista ca cubista. Crea por pulos. Non segue, non quere seguir a lóxica do proceso, da pescuda. El mesmo chega a dicir que crea “de imprevisto en imprevisto”. A tortura da dúbida mesturada co pracer de deixarse levar, de ceibar pincel e espátula para imprimir a tea de bloques de cores, ladrillos de cores.
Pero ten éxito. A impresión do artista pechado en si mesmo, amargado e fracasado, non se corresponde coa realidade. As súas obras vendéronse moi ben. Hai quen afirma que os marchantes obrigábano a pintar moito máis do que el quería. Esta é unha gran diferencia respecto a outro pintor co que se trata de relacionar, Vincent Van Gogh. Nicolás estivera en Holanda, acaba instalándose na Provença francesa, é autodidacta, fai o que quere, dubida, desespérase, crea sen mirar para os lados, sen reparar nos que se afilian a unha vangarda, ou á outra. Pero ten éxito.
Na angustia, axúdanlle a poesía e a música. É amigo de poetas, e a lectura da poesía ilumina vieiros. A poesía tamén se pode ver nun partido de fútbol nocturno visto en París. Na serie Futbolistas as cores danzan en composicións polícromas e rítmicas, baixo ceos pretos.
Outro tanto acontece coa música. Unha das súas últimas obras Le Concert (1955) é unha peza inmensa (6x3 m.), onde o protagonismo reside nos instrumentos: piano, contrabaixo a medio facer, nas partituras. E por en riba de todo, domina o vermello que provoca a paixón nas vibracións da orquestra. O vermello do ceo excitado.
Nos últimso anos as obras buscan a simplicidade, as formas primarias. Neste sentido, hai pezas que lembran a Morandi –incluso con monocromía- e outras que o fan de Malevich. A destacar a serie de nus femininos nos que non pinta con modelo. De feito non hai corpo, é unha lembranza, unha pantasma que ilumina a tea.
“Debo pintar, porque me axuda a vivir”. Nicolás de Staël: un pintor vitalista, torturado, apaixonado, coma Vincent van Gogh. Pero con éxito de vendas. Tamén coma el, un día, logo de pintar, de vivir, suicídase.
EXPOSICIÓN: STAËL 1914-1955
La Pedrera. P. Gràcia, 92 (Barcelona)
Até o 24 de setembro
Horario: todos os días, de 10 a 20 horas
Entrada de balde
Visitas comentadas de balde: de luns a venres, ás 18 h.