 
Ton de sátira amábel. Un cuarto á noite. Poderían ser tres, pero son dous. De orixe social humilde, algo ascenderon. É doado detectar certo esnobismo na decoración. Láminas chinesas, luz incidental, orde alfabética nos libros dos andeis. Máis ou menos guapos, case sempre dormen espidos. Levan xuntos o tempo suficiente. Aínda non aborreceron por completo o corpo do outro. Un conto erótico de María do Cebreiro ilustrado por Xosé Carlos Hidalgo.
-Gústache así?
-Así como?
-Non te vexo eu moi centrada.
-Pois eu a ti véxote moi técnico.
-Prefires que paremos?
-Para, anda, para.
[Silencio]
 
  -Lembras cando nos coñecemos?
-Lembro o primeiro abrazo.
-Gustoume sentir aquilo. 
-O da pistola?
-Vas armado ou alégraste de verme? 
-Esa estivo moi ben. 
-E por que unha pistola? 
-Preferirías nabo?
-Mira que es literal, cona. 
-Nabo é unha metáfora.
-Aínda se che nota que es de letras.
-Que pasa, que aos de ciencias non vos gusta?
-O que?
-As escenas de cama. 
-Ti xoga, xoga.
-Ai, que medo me dás.
 
  [Silencio]
 
  -Cansácheste de min?
-Non ten que ver con iso.
-Aínda pensas nel?
-A ti non che dixeron que hai cousas que é mellor non preguntar?
-Quero saber se che gustaba máis. 
-Xa che dixen que non significou nada.
-Iso é un tópico.
-No sexo, todo é un tópico.
-E no amor non?
-Odio falar de amor. 
-Pois eu quérote.
-Calado estás tan guapo.
 
  [Silencio]
 
 -Non sei por que, pero Mae West dáme un pouco de grima. 
-Tiña a cara moi ancha.
-Eu pensaba máis ben na súa agresividade.  
-Se es boa vas ao ceo.
-Se es unha mala pécora vas a todas partes. 
-Pois vaia teoría da pataca.
-Supoño que o escribiu un guionista.
-O que me gustaría a min é ser tan boa como para ir ao inferno. 
-O que che gusta a ti é ir ao Ribeiro e levar as uvas á merenda.
 
  [Silencio]    
-Tentámolo de novo?
-Si, home, si.
-Non é tan tarde.
-Faino ti só.
-Iso é o que che gusta?
-Mirar sen facer nada?
-Vaina rañar
-Durmimos?
Conto publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 122, xullo de 2007)
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto