Contra o monumento a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, traballadores de Figueroa e militantes da CNT que foron paseados e asasinados o 13 de agosto do 36.
Arrincáronlle a placa onde figura a inscrición "Morreron pola liberdade", e na que son lembradas todas as persoas cerdedenses que foron obxecto de calquera tipo de represalia por teren defendido a democracia e a II República. É o terceiro atentado en menos dun ano: xa o ano pasado, antes da inauguración do 12 de agosto, tentaran borrar a placa prendéndolle lume, pero non foron quen. Días despois do acto volveran ao lugar para arrincala.
A asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido, integrada no colectivo Siñor Afranio, e que lle deu pulo á iniciativa do pobo de erixir o monumento, no 70 cabodano dos asasinatos, condena enerxicamente este novo atentado, e entende "que tales feitos son unhas verdadeiras agresións contra valores como a liberdade e a intelixencia, que non fan máis ca salientar a necesidade de seguir traballando a prol da recuperación do noso pasado, pese a quen lle pese".
Lamentan, así mesmo, a impunidade coa que se actúa en Cerdedo, e que mentres o seu e máis outros colectivos traballan a prol da recuperación da memoria histórica, por veces con non poucos obstáculos, o Concello de Cerdedo revoca o acordo plenario de retirar unha rúa dedicada ao falanxista Manuel Gutiérrez: "ademais de homenaxear a aqueles que son responsables directos da destrución da democracia, actuacións deste tipo alimentan a bestas como as que acudiron á Ponte do Barco a deixar unha pegada da súa miseria moral, impotencia e covardía".