Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza internacional

Indíxenas de Chiapas, do local ao intergaláctico

Labregos e indíxenas foron anfitrións dun encontro que reuniu en México a movementos internacionais que alertan do modelo neoliberal e piden volver mirar ás bases e respectar dereitos como a soberanía alimentaria.

Silvia Torralba / Canal Solidario - 10:00 05/08/2007

O 1 de xaneiro de 1994, indíxenas da rexión mexicana de Chiapas levantáronse capitalizados polo Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) e ocuparon varias cidades da zona. A acción pretendía denunciar as condicións de desigualdade e pobreza que vivían as familias campesiñas e indíxenas e tivo lugar o mesmo día en que o Goberno mexicano asinaba o Tratado de Libre Comercio de América do Norte.

Desde o primeiro momento, os zapatistas ocultaron o seu rostro e, dese xeito, captaron a atención de gobernos, medios de comunicación e comunidade internacional. As súas demandas chegaron tamén a moitos países a través de internet e foi así como ao longo destes case catorce anos construíron relacións de apoio con outros grupos e movementos sociais que, dispersos polo mundo, tamén denuncian de xeito pacífico o actual e desigual modelo económico e esixen o respecto de dereitos como a soberanía alimentaria e educación e sanidade para todos.

Ao intercambio de ideas e experiencias que as novas tecnoloxías permitiron entre o movemento zapatista e outros movementos sociais, sumouse en xaneiro deste ano un encontro físico en Oventic (Chiapas), no que se repasou a historia da loita indíxena en México. Agora, as comunidades indíxenas de Oventic, Morelia e La Realidad volveron acoller a miles de persoas que, desde o 20 ao 28 de xullo, atopáronse para coñecer in situ como se organizan as comunidades indíxenas zapatistas e dar a coñecer as súas experiencias.

Unha delas é a da Unión Campesiña india Bhartiya Kissan, cuxo coordinador nacional, Yudhvir Singh, explica no diario La Jornada que a loita da súa organización "é pola supervivencia. Aquí en Chiapas aprendemos moito estes días. Vemos que a súa loita parécese ás nosas".

En 2002, esta entidade protagonizou nas rúas de Mumbai unha protesta contra o encontro da Organización Mundial do Comercio en Qatar que acabou coa detención de 71.000 campesiños. Unha vez en prisión, negáronse a saír en liberdade se non era coa condición de ter terras propias. Así, o que empezou como unha manifestación na rúa converteuse nunha ocupación pacífica das comisarías e coa obriga do goberno de pagar a comida para as 71.000 persoas detidas e os seus billetes de regreso a casa.

Á visita a Chiapas da Unión Campesiña Bhartiya Kissan uníronse tamén representantes doutros movementos, como os Sen Terra de Brasil, campesiños de Estados Unidos e países como Madagascar, e representantes de varios países de Vía Campesiña. Xunto aos indíxenas mexicanos, falaron de cuestións que lles afectan a todos: o acceso á terra, a presión do agronegocio, o "bo goberno", a igualdade de xénero e o acceso a servizos públicos como a educación e a sanidade.
"Nós estudamos as causas das loitas sociais do mundo e ensinámolo aos nenos. A historia dos nosos avós traballámola con eles e escríbese en colectivo. Rescatamos do neoliberalismo a nosa historia. Estudamos a xeopolítica do poder, e a nosa", explica no portal Indymedia Chiapas Caralampio, responsábel de varias escolas zapatistas.

Tamén no ámbito da saúde, as comunidades zapatistas autoxestionáronse e puxeron en marcha hospitais como o de San José, que programa cirurxías, realiza cursos de enfermería cirúrxica e evita que en moitos casos as familias deban desprazarse á cidade para recibir atención médica.

As mulleres tomarán a palabra en decembro
O II Encontro dos Pobos Zapatistas cos Pobos do Mundo acabou co anuncio dunha terceira reunión a finais de decembro na que, segundo os organizadores, as protagonistas serán as mulleres campesiñas e indíxenas de Chiapas e de movementos doutros países.

"Vaian dicíndolle aos seus esposos que se queden a coidar a casa, os fillos e os animaliños", xa que neste encontro as mulleres reuniranse "para organizar a loita contra o capitalismo e o neoliberalismo", explica Elverilda, indíxena zapatista, no diario La Jornada.

Como destacaron durante o segundo encontro, trátase de ter en conta todas as experiencias e puntos de vista, de mirar cara abaixo para atopar respostas ás desigualdades, e non tanto mirar cara ás enquisas e o que di a clase política. "Non nos perdan de vista. Nós non imos perdelos de vista. Seremos e serán vixiantes. Imos cara abaixo, con e para os pobres", conclúen desde o EZLN.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: