Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO O FISCAL DO TSXG

O sector inmobiliario segue a ser unha das 'lavadoras' preferidas dos narcos

As plataformas contra a droga coidan que é preciso incrementar o control fiscal para loitar contra o branqueo de capitais.

Ramón Vilar - 09:30 30/08/2007
Os datos figuran no informe da Fiscalía do TSXG

Os datos figuran no informe da Fiscalía do TSXG

O narcotráfico non foi alleo á burbulla inmobiliaria que se viviu nos últimos anos. Segundo a memoria de 2006 da fiscalía do TSXG, a construción é un dos sectores favoritos á hora de branquear o capital procedente das drogas. Mais non o único, os activos financeiros, a subscrición de seguros de prima única ou os investimentos filatélicos son as formas preferidas para “sacar a flote” o diñeiro negro.

Á marxe deste tipo de operacións, a fiscalía tamén apunta ao sector comercial e de servizos como tapadeira idónea. As vías neste caso son diversas: declaración de beneficios superiores aos reais, a través de casinos de xogo ou mediante a clásica compra de billetes de lotaría ou quinielas premiadas.

Mais un negocio global como é a droga tamén leva á internalización do branqueo. Nas súas investigacións, a Fiscalía do TSXG apunta os numerosos xeitos que existen de branquear diñeiro en países do exterior. As arteiradas van dende a rudimentaria evasión física de divisas a outros países até sofisticadas tramas de empresas que acaban enviando o capital a paraísos fiscais.

Máis control da Axencia Tributaria
Dende a asociación Vieiro, que traballa na Costa da Morte, sinalan que é fundamental que o estado redobre esforzos á hora de investigar o incremento desproporcionado que se produce nalgúns patrimonios: “Hai quen non disimula o máis mínimo e semella que aquí ninguén os investiga”, sinalan dende a asociación.

Pola súa banda, Carme Avendaño, da Fundación Érguete, coincide con Vieiro na necesidade de “escaravellar” nestas tramas económicas. A dificultade radica na extraordinaria ramificación internacional que presentan os principais clans de narcotraficantes. Ás veces os obstácúlos atópanse incluso nas mesmas leis que ten cada país. Avendaño cre que para chegar ao fondo dun problema global só queda tamén levar a cabo accións globais.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: