 
O carteiro de Karrada convértese na primeira obra na nosa lingua que recibe o galardón de ámbito estatal.
 
											Por primeira vez, unha obra na nosa lingua gaña o Premio Ala Delta de Literatura Infantil. O carteiro de Karrada, de Marcos S. Calveiro, foi seleccionada entre máis dun cento de obras escritas nas catro linguas oficiais do estado. O premio, que este ano acadou a súa edición número 18, está dotado con 12.100 euros. No seu blog, o autor agradece o apoio do editor Ignacio Chao e do crítico Martin Pawley, e salienta o feito de que, nunha época “en que a nosa lingua está recibindo tantos ataques”, se recoñeza unha obra escrita en galego. 
  Vieiros: Como se sente despois de gañar o premio? 
  Marcos Calveiro: Recoñezo que estou encantado co meu éxito persoal, pero tamén con que fose en galego, de entre 150 obras que se presentaron. Son bastante belixerante co tema do galego, e creo que é o máis importante que se recoñeza o valor da lingua. 
  V: E cal é o argumento da novela? 
  M. C.: Céntrase na vida diaria dunha familia en Bagdad, na barriada de Karrada. Hai un neno, Abdul, e o seu pai, que é carteiro. 
  V: É a primeira vez que se presenta ao premio? 
  M. C.: Non só iso. Tamén é a primeira vez que escribo unha obra infantil. Antes escribira dúas novelas xuvenís, Sari, soñador de mares, e Rinocerontes e quimeras, publicados por Tambre. 
    V: Cando sairá á venda O carteiro de Karrada? 
  M. C.: Sairá publicada antes do Nadal, pero aínda non sei a data concreta, porque a nova de que gañara o premio aínda ma comunicaron o venres. Sairá en galego e en castelán simultaneamente, e máis adiante traducirase ao éuscaro e ao catalán. Precisamente, agora sae en catalán Sari, soñador de mares, a miña primeira novela. 
  V: O feito de ser un premio a nivel estatal, tamén é un fito para a nosa lingua? 
  M. C.: Despois de ter saído tantas novas nos xornais estatais criticando o decreto do ensino, o himno, paréceme moi importante que un galeguiño de Vigo acabe poñendo unha pica en Madrid. Tamén influiría na decisión do xurado o feito de que se ambiente en Iraq, pero, para min, é un pelotazo.
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto