O KGZ procurou a vitoria na etapa 16 conseguindo meter a dous dos seus, Herrero e Vorganov, na fuga da xornada. Mentres, Mosquera era entrevistado con curiosidade pola prensa nipona.
O equipo profesional galego volveu ter un gran protagonismo na décimo sexta etapa da Vuelta, disputada sobre 165 quilómetros entre Xaén e Puertollano, ao meter na fuga da xornada, de 17 ciclistas, a dous corredores: Herrero e Vorganov. Os dous correron claramente para gañar.
A fuga dos que querían gañar a etapa
A fuga boa chegou no quilómetro 58 e integrárona 17 ciclistas. O Karpin Galicia, co Caisse d'Epargne e o Euskaltel-Euskadi, era o único con dous representantes na escapada. Esta consolidaríase grazas ao bo entendemento no grupo, que rompería a trinta quilómetros de meta tras un ataque de Bertagnolli (Liquigas). A batalla polo triunfo de etapa estaba desatada.
O seguinte en pasar á ofensiva foi o corredor do Karpin Galicia, Vorganov. O seu ataque foi duro, pero as ambicións no grupo eran aínda maiores e foi neutralizado por Grabsch (T-Mobile). Nun novo ataque vanse cara adiante Duque, Kolobnev e Horrach. Tras un gran esforzo, David Herrero únese ao trío de cabeza. Por un momento parece que o cuarteto abre camiño, pero, por detrás, bótanselle enriba outros compañeiros de fuga. Ao final, un novo ataque de Horrach deixou ao trío inicial na cabeza de carreira e os seus integrantes disputaríanse a vitoria de etapa entre si.
David Herrero non puido estar nesta última escapada -"perdín unha oportunidade pero foi un bo día para o equipo"-, pero tanto el como Vorganov volveron deixar a gran altura ao Karpin Galicia, que xa é sexto por equipos.
Xapón interesado en Ezequiel Mosquera
Ezequiel Mosquera está sendo a revelación da Vuelta, o que é motivo de atención dos medios de comunicación, e que xa chegue aos 31 anos extrema a curiosidade en todo o estado, mais tamén en países tan afastados que como Xapón.
Na saída en Xaén unha reporteira e un fotógrafo dunha revista de ciclismo xaponesa achegáronse a entrevistar ao ciclista do KGZ. Segundo nos contan dende o equipo, os nipóns sentían curiosidade por saber cousas sobre o seu tardío espertar no ciclismo.
O ciclista de Cacheiras tívolles que contar que comezou no ciclismo aos 19 anos e que nos seus inicios compaxinaba o tempo na bici co seu traballo no serradoiro familiar. Faloulles do seu paso polo ciclismo portugués e do camiño andado até chegar ao Karpin Galicia.
Despois foi a TVE a que solicitou a presenza do ciclista para o programa resumen da etapa, así como as dos outros cinco primeiros españois na xeral. Ezequiel Mosquera é o terceiro ciclista do estado, por detrás de Sastre e Samuel Sánchez.