O Ministério Público portugués acusou a 36 persoas do chamado 'Capítulo Português', ligado á organización de extremadereita Hammerskin Nation.
Logo dos Hammerskins a nivel internacional
A Polícia Judiciária, que practicou as detencións, especifica que "o Ministério Público decidiu acusar a 12 membros efectivos e 24 activistas do Capítulo Português da organización de ultradereita Hammerskin Nation" -coñecido como Portugal Hammerskins.
A investigación baseouse en non quitarlle ollo, esencialmente "aos mecanismos de difusión e ás imaxes públicas con carácter racista, xenófobo e anti-semita", que foron divulgados a través dos medios de comunicación, sobre todo electrónicos, así como en concertos musicais, encontros, concentracións e manifestacións nos que se apelaba á violencia inter-étnica e nos que se tiña como albos, tamén, aos movementos anti-racistas en xeral.
Un proceso aberto dende Abril
Dende este mes fixéronse 60 rexistros domiciliarios nos que se lle requisaron, aos prendidos, unhas 15 armas de fogo, explosivos, e máis de un milleiro de municións de diversos calibres, decenas de armas brancas, bastóns, paus de béisbol, e aerosois de gas tóxico.
A PJ tamén se incautou de varios documentos que falan da existencia de varias accións violentas, xa desenvolvidas, e outros que de carácter político-ideolóxico que falan do seu achegamento á perigosa ultradereita racista, xenófoba e anti-semita.
O nacemento de Portugal Hammerskin
Segundo a Polícia Judiciária, a organización Portugal Hammerskin foi creada ao se extinguiren outras estruturas previas e embrionarias que xurdiran en Portugal nas décadas dos 80 e 90. Tamén segundo a PJ, esta organización "atravesaba actualmente un período de crecemento, expansión e proxección interna, beneficiándose de apoios e do patrocinio de movementos europeos similares, de harmonía cunha estratexia de radicalización e confrontación social".