O concelleiro de Obras da localidade ferrolá, Moisés Rivadulla, desvincula a explosión do conflito veciñal con Reganosa.
"En primeiro lugar, non existe conflito con Reganosa; o debate deuse en Mugardos hai catro anos e está pechado", afirmoulle este martes a Vieiros o concelleiro de Obras da localidade ferrolá, o nacionalista Moisés Rivadulla.
O edil sinalou que os veciños que levan máis de dous meses pechados na casa do concello "son unha minoría de vinte ou trinta dentro dunha poboación de máis de 5.000 habitantes".
Con estas declaracións Rivadulla quixo desvincular a explosión deste martes na parroquia de Meá das protestas veciñais pola localización da regasificadora.
Ademais, preferiu falar de "petardo" mellor ca de 'artefacto explosivo'. Por último, considerou que "os autores desta falcatruada non son de Mugardos".