Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nova lei de control da rede

Os dereitos dos cidadáns recórtanse na internet

Despois da aprobación da Lei de retención de datos, relativa ás comunidades electrónicas, no Estado Español entrouse nunha nova etapa control gobernamental da rede.

Redacción - 13:55 23/11/2007

Esta nova lei obriga ás empresas de comunicacións (operadoras móbiles e fixas e provedores de internet) a gardar masivamente, durante dous anos, os datos de todas as nosas comunicacións, co que o goberno español poderá saber cando chamamos ou nos conectamos a internet, a quen chamamos, dende onde, etc. A policía e outros corpos de seguridade do Estado poderán acceder a estes datos.

Ademais, engadida á lei de retención de datos, o Congreso anda a debater outro proxecto de lei, xa coñecido como LISI (Lei de Impulso da Sociedade da Información), que recolle, entre as súas páxinas, a posibilidade de que outras institucións ("órganos competentes"), alén das xudiciais, poidan ordenar o peche de certas webs, sen necesidade de entrar nun xulgado.

Retroceso das liberdades na rede: o control do Estado

Ámbalas dúas leis xa teñen recibido fortes críticas, sobre todo de diversas organizacións civís (a Asociación de Internautas, a Asociación de Usuarios de Internet, a Comisión de Liberdades de Internet, entre outras) xa que, segundo estas, recortan os dereitos fundamentais dos cidadáns na rede, e violan a privacidade das comunicacións e o dereito de nos expresar na rede, sen que sequera o caso poida chegar ao xulgado (no caso da LISI, aínda non aprobada).

As enormes bases de datos que se creen dos cidadáns poderán ser empregadas para saber tanto dos individuos que poucos aspectos das súas vidas escaparán do sistema de control do Estado. Coa aprobación da LISI, unida á xa aprobada (en outubro), Lei de retención de datos, relativa ás comunidades electrónicas, a policía poderá acceder ao que desexe, só cunha autorización xudicial. Todos somos sospeitosos (por defecto) e os datos das nosas comunicacións privadas poderán ser analizados, por se se descubre algo de alguén, por puro azar.

O 11-M, a coartada perfecta para exercer o control

Segundo algunhas asociacións de internautas, como a Comisión para as Liberdades en Internet (CLI), con estas dúas leis estabelécese unha relación cada vez máis "asimétrica entre os cidadáns e o Estado", de tal xeito que o Estado sabe cada vez máis de nós, e nós apenas coñecemos os seus métodos de control.

Como moitas organizacións humanitarias veñen anunciando dende hai tempo, estes mecanismos de control son a "tendencia" en case todo o mundo, fomentados pola campaña antiterrorista que comezou após o 11-M e que significou un brutal retroceso en materia de dereitos civís e Dereitos Humanos.

LISI: unha lei a medida das entidades de xestión

A LISI, que aínda está nos trámites previos á súa aprobación, é unha das leis máis controvertidas relacionada coa rede que propuxo o goberno español. A lei permitiría o peche dunha web cando afecte á orde pública, pola protección da infancia ou da saúde pública, mais trátase dunha norma que afecta os dereitos fundamentais.

Abre a posibilidade de solucionar conflitos relacionados coa Internet, sen pasar polos xulgados, o que lle dá potestade a certos "órganos competentes" para pechar as páxinas. Neste sentido, as máis beneficiadas serían as entidades de xestión, como a SGAE, que, por certo, xa tratou de facer que a nova lei lle facilite a posibilidade de perseguir determinadas prácticas que até o momento non foron consideradas ilegais polos tribunais.

Hai algúns anos aínda se pensaba nunha Internet, unha rede libre, que non podería ser controlada nin regulada nunca. As cousas mudaron, e fixérono de présa. Con cada nova lei vánselle amputando cachiños aos dereitos fundamentais, e o control esténdese.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: