A CIG, que lembra casos como o CEIP Francisco Franco de Beariz ou o Carmen Polo de Ferrol, pídelle á Consellaría de Educación que tome medidas.
A simboloxía que exalta a persoas relacionadas coa ditadura militar pervive incluso en numerosos colexios públicos galegos. A CIG-Ensino está a desenvolver unha campaña que ten como fin a eliminación de toda a “simboloxía fascista dos centros de ensino”.
Dende o sindicato nacionalista consideran inconcebíbel que se manteñan nomes como o do Colexio de Educación Especial Carmen Polo de Ferrol ou o de participantes no golpe de estado e na represeión como é o caso do IES Almirante Salvador Moreno (Marín) ou o CPR Salvador Moreno de Pontevedra. Como exemplo máis explícito está o caso do CEIP Francisco Franco de Beariz, que está situado na rúa Carrero Blanco deste municipio ourensán.
Dende a CIG-Ensino subliñan que é absurdo pretender que os alumnos adquiran modelos de conduta democrática cando ao mesmo tempo nos seus centros se homenaxea a persoeiros relacionados coa ditadura. Por iso, solicitan que a Consellaría de Educación faga as xestións precisas para mudar os nomes.