A campaña deste ano céntranse en concienciar a sociedade de que tome medidas de protección, despois do aumento dos contaxios do VIH por vía sexual na última década.
O lazo vermello, símbolo da loita contra a Sida
Como cada 1 de decembro dende 1988, este sábado conmemórase o Día Mundial contra a Sida. En Galiza, a campaña institucional promovida pola Consellaría de Sanidade leva o lema “Detén a Sida, unidos podemos”. Na última década, máis da metade das infeccións producíronse por ter relacións sexuais sen protección, debido a unha relaxación nas prácticas preventivas nos últimos anos.
Por iso, a xornada do sábado centrarase en concienciar a poboación sobre a necesidade de instaurar prácticas de sexo seguro en todo tipo de relacións sexuais, onde é fundamental a utilización correcta do preservativo.
Entre 1981 e 2007 rexistráronse no país 3.582 casos de Sida, dos que o 77 por cento dos afectados foron homes. No último ano pechado, 2006, producíronse 93 novos casos. Sanidade calcula que un de cada tres infectados polo virus VIH non sabe que é portador. Ao non existir vacina nin cura, é a prevención o único método para evitar o contaxio. Estímase que, en todo o planeta, 33,2 millóns de persoas viven infectadas polo VIH, e que, no ano 2007 haberá 2,5 millóns de novas infeccións.
Calcúlase que este ano morran uns 2,1 millóns de persoas pola doenza. A Xunta repartirá en todos os concellos do país, coa colaboración de organizacións non gobernamentais, folletos de información xeral sobre a enfermidade, outros destinados a fomentar a detección precoz da doenza e outros lotes dirixidos á poboación feminina e á mocidade, ademais de 700.000 preservativos e 11.000 xogos de sexo seguro.
FotogrÁfica
Outra das actividades do día é a exposición audiovisual colectiva organizada por Médicos do Mundo FotogrÁfica: unha ollada cara á Sida, que se pode ver en catro centros socioculturais de Compostela até o 21 de decembro. Amosa o traballo de catro fotógrafos de países africanos que amosan a realidade da virulencia coa que este doenza afecta aos países menos favorecidos, concretamente a Namibia, Senegal, Mozambique e Angola.