A organización Women's Aid impulsou un acto na honra das 138 mulleres mortas nos últimos 11 anos.
Cun minuto de silencio ás portas do Dáil (Parlamento Irlandés), recordáronse as 138 mulleres mortas victimas da violencia machista na República de Irlanda dende 1996 (nunha poboación de pouco máis de catro millóns de habitantes).
A concentración marcou o inicio da campaña “16 días de acción contra a violencia contra as mulleres” (16 Days of Action Against Violence Against Women Campaign), que se inaugurou oficialmente o 25 de novembro, día Internacional contra a violencia de xénero.
Women’s Aid, a organización voluntaria de axuda e información a mulleres e nenos vítimas de abusos, instalou 138 baldosas en branco e negro ás portas dos edificios do goberno en Dublín, cada baldosa cunha data inscrita: a data na que cada unha das 138 mulleres foron agredidas.
Dende o 25 de novembro até o 10 de decembro (día internacional dos dereitos humanos), agrupacións de todo o país organizarán actividades para demostrar solidaridade coas vítimas da violencia sexista, así como salientar a violencia contra as mulleres como problema fundamental de dereitos humanos a nivel local, nacional e internacional.
Segundo Women’s Aid, un de cada catro agresores son compañeiros ou ex-compañeiros das vítimas. A organización atendeu máis de 11.000 chamadas de socorro no 2006.