Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTUDO DE XESÚS ALONSO MONTERO

Nas panxoliñas tamén se facía política

Durante a ditadura autores como Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María escribiron nadais e vilancicos cun forte contido reivindicativo.

Redacción - 10:10 24/12/2007

O profesor Xesús Alonso Montero publica no último número da revista Madrygal un estudo sobre os nadais (felcitacións de carácter privado) enviados por varios autores galegos durante a ditadura franquista, e sobre os vilancicos escritos neses anos por algúns dos poetas máis importantes das nosas letras, como Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María. Outros autores, como Bouza Brey, Luis Seoane, Ben-Cho-Shey, ou Arcadio López Casanova amosaron o seu interese polo xénero. Alonso Montero explica que o nadal, como xénero da literatura de destino privado, non suxeito, pois, ás leis da censura, permitía naqueles anos ofrecer textos en galego, idioma que noutros soportes estaba moi pouco presente.

Alonso Montero párase en Manuel María, con varias composicións dentro das coordenadas da panxoliña tradicional, mesmo cando, no ano 1960 centra a súa composición na dúbida de San Xosé:
Non sei como puido ser...
¿Ti non me mintes, María...?
A Virxe cala. Non sabe
que verba respostaría.
A Virxe sorrisa crara.
San Xosé ollada fría.

Porén, catro anos máis tarde, Manuel María axeita a panxoliña ás preocupacións cívicas, por exemplo, o problema da emigración:
¡Ai, qué Noiteboa chea de ledicia
si os galegos estuveran en Galicia!
¡E nós eiquí calados!

Os vilancicos de Celso Emilio
Celso Emilio Ferreiro publicou numerosas panxoliñas, por exemplo a coñecida Belén, ano cero, contida no
libro Viaxe ao País dos Ananos, de 1968, unha reelaboración dun vilancico que escribira uns anos antes, cun forte contido social:
Xuntéi tódolos orfos nun só berce,
xuntéi as inxusticias cos aldraxes
e púxenos de ofrenda nun pesebre.
¿Quén foi o que roubou o meu presente?

Tamén en Longa Noite de Pedra (1962) Celso Emilio publica un poema de Nadal, titulado Noiteboa en Harlem:
Todos xuntos no mundo,
todos xuntos na mesma Noiteboa.
A libertá de Dios creba cadeas
e acala o fosco canto dos escravos.
A libertá de todos,
pra todos, homes negros e brancos.


Documentos

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: