Dos tres días de festexo e oración dos vinte mil musulmás que viven en Galiza, aos cultos particulares das comunidades evanxélicas con até dez mil seguidores, ou mesmo as celebracións das ducias de xudeus que hai no país.
Máis de 30 mil persoas residentes en Galiza non celebran o Nadal segundo costumes de orixe católica, ao pertencer a outras culturas e confesións relixiosas diferentes, como o caso dos credos musulmán, xudeu e as culturas asiáticas, ou mesmo dentro do cristianismo, as Testemuñas de Jehová.
Segundo confirmaron a Europa Press representantes de distintas asociacións e colectivos relixiosos, costumes como a instalación de árbores e beléns para conmemorar o nacemento de Cristo, arraigadas en Galiza segundo a tradición católica, non son prácticas usuais nos fogares destas persoas. Non obstante, nalgunhas ocasións, as datas de Nadal comparten calendario con outras festas de diferentes crenzas, como é o caso de musulmáns e xudeus.
Segundo as crenzas musulmás, que profesan máis de 20.000 persoas en Galiza, arredor do 20 de decembro celébrase o 'Aid el Kebir', que conmemora o sacrificio de Abraham e que supón "tres días de festexos, oración e reunións familiares onde os nenos adoitan estrear roupas". O principal acto é o sacrificio do año, en conmemoración do que Abraham ofreceu en substitución do seu fillo, segundo mandato divino.
O presidente da Asociación para a Integración e Desenvolvemento do Africano (AIDA), Ibrahim Niang, explicou que estas celebración non teñen unha data fixa segundo o calendario occidental, posto que o Islam segue os ciclos lunares. A pesar de non celebrar a Noiteboa nin o Nadal, para os musulmáns "trátase dun día especial, xa que lembra o nacemento do profeta Xesús,", agregou Niang ao respecto da súa tradición relixiosa.
Segundo afirmou, "en Galiza o Aid el Kebir celébrase de forma moi minoritaria, sobre todo nas cidades, aínda que sempre se está moi pendente do teléfono para falar cos familiares e saber o que acontece no país de orixe". Non obstante, ao contrario que nas grandes urbes, existen pequenas localidades nas que as persoas de orixe musulmá viven en comunidade polo que lles é máis doado manter os seus costumes, como é o caso de Arteixo onde, segundo precisou, "hai unha mesquita e a xente acode celebralo de forma conxunta".
Segundo a Xunta Islámica de España, en toda Galiza hai máis de 20 mil fieis e as maiores concentracións están nas áreas de Vigo, Santiago e A Coruña, aínda que tamén hai colectivos en Ourense, Lugo e Pontevedra.
Xudaísmo: o Hanukka
Pola súa banda, os xudeus, que tamén teñen o seu propio calendario, celebran o Hanukka, Chanucá, que rememora a recuperación do templo de Jerusalén para o culto tras a ocupación grega. Esta celebración adoita ser ao longo do mes de decembro e, algúns anos, como aconteceu en 2006, coincide cos oito días que van dende NoiteBoa ata Noitevella.
Segundo expresou Adiel Varela, o director de culto da sinagoga da Coruña, a única de Galiza, e onde se reúnen arredor de medio centenar de persoas, en cada xornada de festexo se acende unha das candeas dun candeeiro especial de oito brazos que se usa para a ocasión. Ao longo deses días tamén se realizan cánticos especiais, decóranse as casas e "cada noite fáiselle un regalo a nenos", engadiu.
En canto ás comidas, Varela destacou que produtos considerados tipicamente navideños coma o mazapán e o turrón "teñen procedencia xudía, aínda que antes se preparaban con outras graxas distintas á de porco", posto está prohibido nesta relixión. Actualmente, explicou, este tipo de alimentos "non crean un problema coas crenzas aínda que se adoita comprobar que non conteñan ingredientes de orixe porcina".
Testemuñas de Jehová
Malia que as Testemuñas de Jehová son un colectivo cristián, non celebran o Nadal e pasan esta época do ano "como un día normal, aínda que sempre dentro do respecto cara aos que si o festexan", segundo destacou a practicante deste credo, Lidia Santamaría, pertencente a unha das 66 comunidades que hai en Galiza.
Santamaría explicou que, segundo a súa relixión, "Xesucristo non deixou instrucións de que se celebrase o seu nacemento", polo que non se fan festexos nin se decoran os templos nin as casas. En canto á repartición de regalos, afirmou que este costume tampouco é compartido polas arredor de 6.200 persoas próximas a este credo xa que "provén dunha tradición pagá posteriormente asumida" polo cristianismo". Non obstante, os produtos considerados tipicamente navideños atopan consumidores entre os miles de seguidores de Jehová que viven en Galiza. "Se os houbese durante todo o ano comeriámolo tamén", destacou Lidia Santamaría, quen aclarou que inxerir estes alimentos "non crea conflitos coas crenzas" ao non levar asociados ningunha práctica relixiosa.
Outra comunidade que non celebra a natividade de Xesucristo é a da poboación chinesa residente en Galiza, arredor dunhas 1.500 persoas. Segundo a Asociación de Chineses no Estado, o colectivo oriental que mantén os seus costumes culturais non considera este período un momento de festas.
Outros xeitos de celebración
Ademais da tradición católica, dentro da Igrexa Evanxélica tamén se celebra o Nadal, aínda que con trazos diferentes. Así, o secretario executivo do Consello Evanxélico de Galicia, David Rego, destacou que cada comunidade evanxélica "celebra os cultos de Noiteboa de forma distinta" aínda que adoitan ter como elemento común a realización de pezas teatrais, os cánticos e mesmo comidas comunitarias entre os membros da congregación.
En Galiza existen un total de 150 locais dedicados a este tipo de cultos, con comunidades que van dende a vintena ata os 400 membros. En total, o Consello Evanxélico estima na comunidade supéranse os 10 mil seguidores, entre os que ten un gran peso o colectivo xitano.
A cultura xitana caracterizábase antano por conservar as súas propias celebración en épocas coma o Nadal ou San Xoán, aínda que "co paso do tempo se foron esvaecendo", segundo explicou o delegado do Secretariado Xitano en Galicia, Santiago González. Aínda así, aínda perviven as grandes reunións familiares onde, amenizadas con cánticos e músicas festivas, se comparte a comida. Ademais, debido á influencia evanxélica, é máis frecuente atopar árbores de Nadal nos seus fogares que beléns.