Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ás portas do Galiza-Camerún

Os "irmandiños" están listos para furar a porta "indomábel"

"Temos xogadores magníficos", destacou Arsenio Iglesias. "Hai cadro abondo para enfrontar Camerún", subliñou Fernando Vázquez.

Redacción - 13:00 27/12/2007

Boa vibración sobre o céspede de Balaídos no último adestramento da Irmandiña. O cadro final de Balaídos atendeu ás instrucións de Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez, ao mesmo tempo que fóra do estadio os afeccionados asolagaban o despacho de billetes do estadio con colas que había tempo que non se vían. Ás portas da cita fronte aos leóns indomábeis, notábase a confianza nos xogadores e o optimismo dos adestradores: os irmandiños están preparados para o desafío.

E porén, non aforraron afagos para os rivais. "É con Nixeria, sen dúbida, a mellor selección de África", dixo o raposo de Arteixo, "teñen un equipo extraordinario". Arsenio Iglesias aseguraba estar confiado en que, en calquera caso, a presencia de xogadores extraordinarios no campo "está garantida". De paso, avisou de que os xogadores cameruneses chegarán con fame de vitoria, estimulados pola inminencia da Copa África e a necesidade de "agradar o adestrador e demostrarlle que están en forma". "Como bo alemán ha de esixirlle o máximo aos xogadores", comentou Arsenio sobre Otto Pfister, seleccionador de Camerún.

Tamén optimista, Fernando Vázquez prognosticou espectáculo sobre o campo. "Agardamos que os siareiros o pasen ben", afirmou. O de Castrofeito recoñeceu que o cadro irmandiño agarda poder baterse co mellor cadro posíbel enfronte, e nese sentido dixo agardar que finalmente Etoo conte con minutos en Balaídos. Vázquez quitoulle importancia ás baixas de última hora no combinado nacional e asegurou que os xogadores dispoñíbeis son abondo para furar a porta de Camerún. "É un partido especial, porque só se xoga unha vez ao ano e sempre é máxico estar na festa do fútbol galego", dixo Vázquez.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: