Para previr o contaxio de ETS, distribuíronse millóns de preservativos para o entroido de Pernambuco, Bahia, Rio de Janeiro e São Paulo.
Por exemplo, a São Paulo chegaron máis 'camisinhas' que a ningures (4,6 millóns) na tarde da cuarta feira.
De acordo coa Secretaria Estadual de Saúde, os preservativos que se entregaron a pasada sexta feira, a tres días de comezo do carnaval, chegaron aínda a tempo, posto que son só un reforzo aos 6,3 millóns comprados polo goberno brasileiro, que comezaron a se enviar aos 645 municipios paulistas a pasada semana, para evitar atrasos no fornecemento de material de prevención.
Ao estado do Rio de Janeiro chegou a semana pasada un lote de 1,6 millóns de 'camisinhas' (a segunda maior cota do país). A Bahia tamén chegaron as que tiñan que chegar, con reparto centralizado en Salvador; e en Pernambuco han repartir 1,2 millóns de preservativos, e hai unhas 600 mil unidades en stock, que chegarán a todos os municipios pernambucanos, segundo contan dende o goberno brasileiro, que teñan "carnaval expresivo".
Dotación especial para o "período carnavalesco"
En total o Ministério de Saúde vai repartir uns 19,5 millóns de preservativos por todos os Estados, que, segundo din, van chegar a tempo, ante o temor manifestado as pasadas semanas polas principais ONGs de que non fose así.
Ademais, o Ministério Público tamén aprobou hai uns días a distribución da pílula do día despois en Pernambuco, que se ben non vai servir para evitar a transmisión de doenzas, impedirá embarazos non desexados.
Esta última medida responde ao pedido de suspensión da entrega do medicamento, feito por parte da Pastoral da Saúde da Arquidiocese de Olinda e Recife, que tomou como base a tese de que a esta pílula é abortiva e, por iso, "a súa distribución sería ilegal", a non ser nos casos de interrupción voluntaria do embarazo permitidos pola lexislación brasileira (violación e mala formación fetal).