 
 
O Seminario Galego de Educación para a Paz, EsCULcA, Xusticia e Sociedade e a Coordinadora de Crentes Galegos presentaron este venres un documento de cara ás eleccións xerais.
Manuel Dios, do Seminario Galego de Educación para a Paz-Fundación Cultura de Paz; Elvira Souto, do Observatório para a defensa dos direitos e liberdades (EsCULcA); Agustín Bueno, da Coordinadora de Crentes Galegos; e mais Miguel Anxo Fernández, da asociación Xusticia e Sociedade, presentaron este venres en Compostela o Manifesto pola laicidade do Estado Español. 
  "As persoas e organizacións da sociedade civil, abaixo asinantes, queremos trasladar ás distintas forzas políticas que concorren ás eleccións xerais do vindeiro 9 de marzo, e ao conxunto da cidadanía, esta iniciativa que pretende avanzar cara a un auténtico Estado non confesional, laico, homologábel a todos os efectos cos países da Unión Europea da que formamos parte, tal e como estabelece -de xeito explícito- a Constitución Española de 1.978.", afirman no manifesto. 
  
Afirman, ademais, que a laicidade se "fai hoxe absolutamente necesaria para evitar as condutas progresivamente invasivas da actual Conferencia Episcopal española en relación cos nosos dereitos constitucionais como cidadáns e cidadás laicas". 
  
Criticas á Conferencia Episcopal 
Neste senso, poñen como exemplo: "a actitude abertamente política e militante da Conferencia Episcopal"; "o uso e o abuso da chamada 'declaración eclesiástica de idoneidade' para ensinar a relixión católica nos centros escolares públicos e concertados".   
Tamén, "a representación relixiosa nos distintos actos oficiais, particularmente, nos funerais de estado polo rito católico, (...) ou nas ofrendas ante o señor Santiago, na catedral de Compostela"; "o privilexio de trato que a Igrexa Católica recibe por parte do Estado nas cuestións económicas e impositivas", e "a utilización dos espazos públicos con finalidades fraudulentamente relixiosas, tal e como ocorreu na recente concentración en defensa da familia católica".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto