Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dinamización e creación de emprego

Innovación para espremer o potencial do rural máis alá do sector agrogandeiro

O novo rural é máis que agroganadería e sorprende con cosméticos con plantas medicinais e miradoiros-viñoteca.

Europa Press - 09:00 04/02/2008

"O medio rural ten moito máis potencial do que a sociedade cre". Así o proclama a Consellaría de Medio Rural e así o demostran iniciativas como a produción de cosméticos con plantas medicinais en Vilar de Santos ou un miradoiro con viñoteca con viños autóctonos na paraxe espectacular dos canóns do río Bibei en Manzaneda. Ambas en Ourense, curiosamente a provincia con maior despoboamento no campo, unha tendencia á que proxectos como estes pretenden pór freo.

Dous proxectos subvencionados pola Consellaría de Medio Rural que multiplicou por tres as partidas que destinaba a iniciativas que creen emprego, fixen poboación e acaben coa sangría de perda de veciños, despois de que na última convocatoria por cada euro investido xerásense tres.

Entre estas iniciativas atópanse proxectos, como estes, que rompen cos tópicos dun campo relacionado exclusivamente ás actividades agrogandeiras.

"Hai que aproveitar os novos mercados que xorden por mor das demandas que está rexistrando o campo", avoga o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, quen cualificou de "novidosos" os proxectos que accederon a estas axudas que buscan mellorar a calidade de vida e renda do rural, que van desde a rehabilitación integral de aldeas, ata queixeirías ou pequenas industrias de artesáns. O obxectivo final é contar con proxectos que eviten e freen a tendencia de abandono que está vivindo o campo galego, onde 8.000 núcleos de poboación, dos 35.000 que rexistra Galiza, contan con menos de dez habitantes.

Miradoiro e viñoteca
Esta é a situación á que se enfrontou Fernando Álvarez Andrade, quen con 24 anos e formación universitaria de perito agrícola decidiu apostar pola súa aldea, A Mata, en Mazaneda, "un lugar precioso cun enorme potencial pero que estaba e estase quedando baleira", quéixase en declaracións a Europa Press.

Na actualidade, con 38 anos, e tras 14 cultivando castes de viño autóctono, criando 200 ovellas e vacas, accedeu a estas axudas para construír un miradoiro nos canóns do río Bibei, "cunha vista espectacular e impresionante" no que pretende ofrecerlle aos visitantes non só a cata dos viños que el mesmo produce, senón construír un aula divulgativa sobre "o día a día" dunha explotación multifuncional no rural.

"Apostei por isto e quedeime, cando sería máis fácil e máis cómodo que, como perito agrícola, preparase unha oposición e traballase de funcionario, pero éncheme e teño dereito vivir onde nacín e me criei", esgrime Fernando Álvarez, quen admite que coñece "máis xente nova" como el a quen lle gustaría tomar a mesma decisión, "pero non tiñan forma".

Por estes motivos, apoia "plenamente" as axudas da Consellaría de Medio Rural para este tipo de proxectos, sobre todo, en casos coma o seu que se sitúan en "zonas moi desfavorecidas e totalmente abandonadas". Con todo, non se mostrou conforme coa cantidade coa que conta porque non as considera "suficientes". "Costa moito arrincar", laméntase.

Maior involucración da administración
Por iso, reclámalle á administración que se involucre máis" e incremente a subvención a estes proxectos pola importancia socioeconómica para a zona onde se inscriben, "dinamízana e fixan poboación", aínda que advirte de que non é un cambio de tendencia que se produza "dun día para outro".

Nesta liña de maior implicación do Goberno, demanda unha mellora dos servizos no rural, xa que se queixou dunha calidade de vida minguada pola falta de servizos cos que si contan poboacións urbanas. A modo de exemplo, relata como o colexio máis próximo, está a piques de ser pai primeirizo, está a oito quilómetros e para xestións burocráticas, como a solicitude destas axudas, debe desprazarse por estradas "penosas" até Ourense.

"Deberían axudar máis para facer isto máis fácil e que a xente quede ou volva", reclamou Fernando Álvarez, quen, en todo caso, mostrouse convencido da súa aposta polo rural. "Vivir aquí é un privilexio e é posíbel se nos apoian", resolveu.

No entanto, Medio Rural recordou que, tras a convocatoria "experimental" do pasado ano, na última non só triplicaron a partida orzamentaria, senón a cantidade máxima financiada por iniciativa, que é do 50% naquelas de produción agroforestal e do 75% para as que buscan a dinamización social e mellorar as condicións do campo.

Cosméticos con plantas medicinais
A filosofía de que vivir no medio rural é posibel é tamén a filosofía do Concello de Vilar de Santos, que avoga por incentivar, coa axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a creación de novos proxectos empresariais no rural, que aposten pola diversificación e calidade dos produtos naturais.

Precisamente, Medio Rural financiou a construción dunha nave na que se pretenden producir cosméticos a partir de plantas medicinais e envasar conservas vexetais. O goberno municipal enmarca este proxecto dentro da súa preocupación de buscar alternativas ao desenvolvemento agrario do territorio e que estas esperten o interese dos máis novos para que decidan quedar no rural e frear así o abandono e garantir a substitución xeracional.

Deste xeito, o Concello de Vilar de Santos conta con iniciativas onde forma aos mozos da comarca en distintos procesos de transformación de produtos agrarios, que van desde envasado de conservas á elaboración de licores ou a cosmética natural.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: