Espérase que os Estados Unidos e a Unión Europea recoñezan o luns á 'República Democrática de Cosova'.
Ás 15.51, exactamente, naceu un novo Estado. O Parlamento de Kosovo proclamou por unanimidade e de forma unilateral a independencia da xa ex provincia Serbia, cumprindo o protocolo anunciado onte. O primeiro ministro Thaçi, antigo líder guerrilleiro, leu a declaración de independencia ante os deputados e despois foi votada. A continuación deben votarse os símbolos nacionais como a bandeira e o escudo, escollidos entre máis de 1.500 propostas.
Hashim Thaçi anunciou que respectará a proposta do mediador internacional finés Martti Ahtisaari e que inmediatamente comezarán a traballar na aprobación dunha constitución. Así mesmo, Thaçi comprometeuse a se integrar na "familia europea" e solicitou o apoio dos paises da Unión, a quen agradeceu o seu apoio, así como da ONU. Precisamente espérase que este luns tanto os Estados Unidos como a Unión Europea recoñezan ao novo Estado, malia a presión contraria de Rusia, e aos receos de Rumanía, Chipre e España.
Reaccións de Serbia
Mentres nas rúas de Pristina, Prizren ou Djakovica estase a vivir un día de celebración, en Serbia o primeiro ministro Vojislav Kostunica cualificou a separación kosovar como a "proclamación dun Estado falso" que viola o dereito internacional. En Cosova viven ns cen mil serbios, nunha poboación total de dous millós de habitantes. Nos últimos días varias delegacións de Belgrado viaxaron aos núcleos de serbios en Cosova para pedirlles que permanezan nos seus fogares. A cambio, prometéronlles futuros investimentos e novos postos de traballo para "confirmar así unha presenza aínda máis intensa de Serbia na provincia".
Pola súa banda, o primeiro ministro de Cosova dirixiuse aos serbios na propia lingua destes, e cun "que queden tranquilos", Thaçi expresoulles o seu desexo de que fiquen no territorio porque "esta é a súa casa".