Dos case 245 mil traballadores menores de 29 anos que hai en Galiza, 106.885 son temporais. A nivel estatal a cifra está no 47%.
A temporalidade no emprego sempre foi un dos principais problemas dos mozos a nivel estatal, mais tamén en Galiza. Esta semana coñecéronse os datos do emprego fixo entre os mozos galegos, que revelan que só 41 de cada 100 entre 16 e 29 anos traballa cun contrato indefinido.
Mais este porcentaxe está seis puntos por baixo da media estatal (47%), na que destacan comunidades autónomas coma Aragón, Cataluña, Madrid e A Rioxa, onde os contratos indefinidos son máis do 50% entre a xente nova.
Contratos precarios, independentemente do sexo ou do nivel académico
En Galiza hai agora mesmo uns 246.347 mozos e mozas con emprego, de entre os que 106.885 son temporais e 102.018 indefinidos (864 descontinuos e os demais, permanentes). O resto, uns 37.451 (o 15% dos mozos e mozas asalaridas en Galiza) non saben que tipo de contrato teñen, o que é un dato máis do que relevante.
Os datos foron recollidos polo Observatorio Xove do Emprego, dependente do Consello da Xuventude español, onde se asegura que a temporalidade é a característica fundamental das condicións do emprego da xente nova en Galiza, independentemente do sexo ou do nivel académico.
Este feito afecta Se a todo o mercado laboral galego, mais, sobre todo, á metade da poboación activa menor de 29 anos. O ano pasado, 59 de cada 100 mozos tiña un contrato temporal, unha porcentaxe que xa se tiña reducido dende comezos de ano, polo que parece que a tendencia é á baixa.