Un obradoiro de artistas traballará esta fin de semana encol da presentación dunha candidatura colectiva para a dirección do Museo de Arte Contemporánea de Barcelona.
O mes de xaneiro anunciábase un concurso público internacional para a selección da dirección de Museo. Ante esta oportunidade e coa idea de presentar unha candidatura colectiva para a dirección do MACBA, xorde a iniciativa "DIRIGE EL MACBA" coa convocatoria dunhas xornadas de traballo intensivas. O punto de partida será o cuestionamento dun programa personalista en favor dun discurso colectivo.
As xornadas, que se celebrarán no centro de produción de artes visuais Hangar do 29 de febreiro ao 2 de marzo, encetan a serie de obradoiros Culture Workers, organizados por Jesús Rodríguez Santos, do colectivo artístico DERIVART, e por Ania González, do Programa de Estudos Independentes (PEI) do MACBA, poeta e fundadora do colectivo de artistas galegos Iniciativa Curva de Santiago de Compostela. Estes obradoiros están dirixidos a potenciais traballadores da cultura coa idea de formular intervencións en casos concretos e co obxectivo de xerar novos proxectos e estratexias.
Na convocatoria, encabezada coa pregunta "Un MACBA brillante ou vibrante?", cuestionan se unha única persoa pode dirixir o museo "sen que o seu peso conceptual, intelectual e político resulte excesivamente personalista". Non dubidan da valiosa contribución que pode facer un gran intelectual, porén, pregúntanse: "qué é o máis importante para a institución: un único discurso persoal definido e brillante -que pode volverse ensimesmado- ou un discurso múltiple, colectivo, complexo e en constante vibración?"
Obradoiro "DIRIGE EL MACBA"
Do 29 de febreiro ao 2 de marzo
Hangar (Centre de producció d'arts visuals)
Passatge del Marquès de Santa Isabel, 40
Can Ricart | Poblenou | 08018 Barcelona (plano)
Máis información no enderezo de Culture Workers.