Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Obriga legal aos gobernos locais

PPdeG e PSdeG coinciden outra vez en librar os municipios de esixencias en materia de servizos sociais

Os seus representantes na Fegamp emitiron un voto particular en contra do artigo da Lei de Servizos Sociais que obriga a investir unha porcentaxe mínima en políticas de benestar.

Redacción / EP - 09:00 28/02/2008

O consenso na Fegamp acumulou outro borrón este mércores durante a Comisión Galega de Cooperación Local, participada pola Xunta e pola Federación Galega de Municipios e Provincias, durante a aprobación do informe favorábel ao anteproxecto de Lei de Servizos Socias. Se ben o informe saía adiante con unanimidade, no entanto, os representantes de PPdeG e PSdeG na federación emitiron un voto particular en contra do artigo que obriga as administracións a investir unha porcentaxe mínima en políticas de benestar. Pola contra, si avalou a iniciativa na súa totalidade a representación do BNG na Fegamp.

Segundo o proxecto, tanto a Xunta como as corporacións locais deberán investir cando menos o 7% do seu orzamento en materia social, un punto máis do que obriga a lei vixente. Os concellos de menos habitantes terán que gastar o 6%, aínda que podería rebaixarse 4% se se asocian para a dotación destes servizos.

Malia as diferenzas, o Goberno decidiu incluír un último punto neste artigo, para plasmar o seu compromiso de "corresponsabilizarse" do cumprimento dos obxectivos. Neste sentido, estabelécese que o executivo "prestará especial atención" aos municipios que demostren "dificultades obxectivas" para alcanzar estas porcentaxes mínimas. Así, aposta por garantir "a súa suficiencia financeira para o exercicio das súas competencias" ou asegurar a prestación dos servizos "a través de fórmulas de cooperación interadministrativa".

A Fegamp valora positivamente o diálogo
En todo caso, a Fegamp subliña nun comunicado os "avances" alcanzados, malia o desacordo nese punto concreto. "Este tempo que nos demos non foi estéril, xa que unha maioría das consideracións da Fegamp foron recollidas", confirmou o presidente da Fegamp e alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández. No entanto, mantivo o argumento de que a norma implica unha "invasión de competencias" e considerou que existe unha "discrepancia de fondo" baseada nunha "cuestión de principios". Ao seu xuízo, o establecemento dun mínimo a gastar "determina a acción de goberno e limita a autonomía dos concellos sobre os seus presupostos", polo que aduciu que supón "unha inxerencia grave na súa autonomía".


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: